De acordo á evolución da situación epidemiolóxica da Influenza Aviaria de Alta Patoxenicidade (IAAP) na Unión Europea durante as últimas semanas, así como á actualización semanal da análise de risco de introdución do virus de IAAP en España realizada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), o día 9 de abril de 2025 procedeuse ao levantamento das medidas acordadas desde o pasado 20 de xaneiro de 2025 nos municipios incluídos na Zona de Especial Risco (ZER) e na Zona de Especial Vixilancia (ZEV) de todo o territorio nacional, que aparecen nos Anexos II e III da Orde APA/2442/2006, do 27 de xullo.
Deste xeito, na data actual mantéñense unicamente en Galicia certas medidas de prevención sanitaria nos once concellos da comunidade autónoma que están incluídos na Zona de Especial Risco (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa, na provincia de Pontevedra, Xove na provincia de Lugo e Cerceda, Ordes e Tordoia na provincia da Coruña).
Desde a dirección xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, comunicouse na mesma data, individualmente a cada un dos concellos incluidos na ZER, as citadas medidas de prevención sanitaria que consisten en:
- Permítese a cría de aves ao aire libre sempre que se lles alimente e subministre auga no interior das instalacións, ou de xeito que se impida o contacto das aves silvestres coa auga ou o alimento.
- Non se permite a cría de parrulos, ocas e gansos xunto con outras especies de aves de curral.
- Subministro de auga:
- prohíbese darlles ás aves de curral auga procedente de depósitos superficiais, fontes ou outras orixes nas que puideran ter acceso as aves silvestres, salvo que a auga fora sometida a un tratamento de hixienización que garanta a inactivación do virus da influenza aviaria.
- os depósitos de auga de subministro para as aves domésticas, que puidera haber no exterior, deben estar protexidos para impedir que poidan acceder as aves silvestres ou as súas dexeccións.
- Prohíbese a concentración de aves de calquera tipo aínda que, individualmente, poderianse autorizar tras unha avaliación de risco caso por caso.
- Prohíbese o uso de reclamos de caza con aves do tipo anátidas (parrulos ou similares) e charadriiformes (gaivotas e similares).
Queren recordar que en toda a Comunidade Autónoma, independentemente da situación de risco existente en cada momento en relación coa influenza aviaria, as concentracións de aves requiren autorización da Consellería do Medio Rural (as de aves de curral) ou da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (o resto de aves), polo que antes de celebrarse algún evento que implique a presenza de aves (feiras, exhibicións, concursos...) é necesario que os promotores destas concentracións se poñan en contacto coas correspondentes delegacións provinciais das citadas consellerías, que informarán acerca da forma de solicitar a autorización correspondente e dos requisitos esixidos.
Puntos de interese en relación coa influenza aviaria:
- A obriga de inscrición no Rexistro de Explotacións Avícolas da Consellería do Medio Rural dos currais avícolas de autoconsumo de calquera dos concellos galegos, coa única finalidade de ter constancia da súa existencia ante unha situación de emerxencia sanitaria por influenza aviaria ou outras patoloxías de interese no territorio.
Este rexistro pode realizarse por diversas vías:
• Na sede electrónica da Xunta de Galicia ( https://sede.xunta.gal/portada ) cubrindo o formulario MR 501A – Inscrición no rexistro de explotacións avícolas non comerciais. Xúntase modelo para o seu coñecemento e uso se o consideran. (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento? codtram=MR501A&ano=2015&numpub=1&lang=gl )
• Nas Oficinas Rurais (OR) da Consellería do Medio Rural. https://www.xunta.gal/servizos-no-mapa
• Por calquera dos sistemas habilitados pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
- A Influenza aviaria é unha enfermidade de declaración obrigatoria e dada as graves repercusións que causa na poboación avícola, é moi importante a súa detección precoz, polo que calquera sospeita desta enfermidade en aves domésticas ou silvestres debe ser comunicada de inmediato aos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural.
- O serotipo do virus IAAP circulante actualmente, o H5N1, que cursa cunha elevada mortalidade entre as aves, presenta un potencial zoonótico (transmisibilidade ás persoas) extremadamente limitado. En calquera caso, por unha cuestión básica de prevención, aconséllase evitar o contacto das persoas con aves domésticas ou silvestres que poidan atopar enfermas ou mortas.
Información de interese relacionada coa influenza aviaria está dispoñible na web da Consellería do Medio Rural: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/gandaria/sanidade-animal/programas-oficiais/influenza-aviaria

Sede Electrónica