O pasado 13 de xaneiro de 2023, a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias enviouse unha comunicación sobre o asunto de referencia na que, tras a análise continua de risco levada a cabo en Galicia e no resto do Estado, informábase dun aumento do risco de aparición da influenza aviaria de alta patoxenicidade (en diante IAAP) no noso territorio.
Como consecuencia do citado aumento de risco, adoptáronse unha serie de medidas sanitarias que afectaban aos concellos incluídos nas denominadas zonas de especial vixilancia (ZEV) e zonas de especial risco (ZER) de acordo coa Orden APA/2442/2006, de 27 de xullo, pola que se establecen medidas específicas de protección en relación coa IAAP.
Na data actual considérase concluído o período migratorio de aves silvestres invernantes procedentes do Norte e Centro de Europa, que constitúen o principal vehículo de transmisión desta doenza ás especies de aves domésticas e silvestres autóctonas. Por outra banda, no rexistro de focos notificados desta enfermidade, tanto en aves silvestres como en domésticas, detéctase nas últimas semanas un paulatino descenso deles en todos os países da Unión Europea, incluído España.
Ante esta situación epidemiolóxica, a análise continua de risco concluíu nunha significativa diminución do risco de aparición da IAAP nas aves polo que o pasado 11 de maio, as autoridades competentes en sanidade animal das Comunidades Autónomas máis o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) acordaron o levantamento das medidas de restrición sanitaria vixentes desde o pasado 20 de decembro de 2022 en España nas citadas zonas ZER e ZEV.
Os concellos incluídos na zona ZER son: A Illa de Arousa, Cambados, Meaño, O Grove, Sanxenxo, Ribadumia e, Vilanova de Arousa, todos na provincia de Pontevedra.
Os concellos incluídos na zona ZEV son: Cariño, Dumbría, Mazaricos, Ortigueira, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Vimianzo e Zas na provincia de A Coruña, Ribadeo e Trabada na provincia de Lugo, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos e Xinzo de Limia na provincia de Ourense e A Guarda, Marín, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa na provincia de Pontevedra.
O levantamento das medidas adoptadas o pasado mes de decembro implica que unicamente se apliquen determinadas prohibicións e obrigas nos concellos localizados na zona ZER, establecidas na citada Oden APA/2442/2006, e que están orientadas fundamentalmente a evitar o contacto directo ou indirecto das aves domésticas coas aves silvestres de calquera especie.
A continuación en pdf pode consultar as comunicacións dirixidas aos concellos ZER e ZEV, nas que se informou a cada concello acerca da situación concreta no seu territorio.
Queremos recordar que en toda a comunidade autónoma as concentracións de aves requiren autorización da Consellería do Medio Rural (as de aves de curral) ou da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (o resto), polo que antes de se celebrar algún evento que implique a presenza de aves (feiras, exhibicións, concursos,...) é necesario poñerse en contacto coas correspondentes delegacións provinciais das citadas consellerías, que informarán acerca da forma de solicitar a autorización correspondente e dos requisitos esixidos.
Por outra banda, lémbrase a obriga que teñen todas as persoas titulares de currais familiares de autoconsumo, independentemente do concello onde se atope, de inscribir o seu curral no Rexistro de Explotacións Avícolas da Consellería do Medio Rural. A única finalidade deste rexistro e ter constancia da existencia do curral, como información de interese nunha situación de emerxencia sanitaria por influenza aviaria no territorio galego.
Este rexistro pode realizarse por diversas vías:
- Na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/portada ) cubrindo o formulario MR 501A – Inscrición no rexistro de explotacións avícolas non comerciais. Xúntase modelo para o seu coñecemento e uso se o consideran. (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=MR501A&ano=2015&numpub=1&lang=gl )
- Nas Oficinas Rurais (OR) da Consellería do Medio Rural. https://www.xunta.gal/servizos-no-mapa
- Por calquera dos sistemas habilitados pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Esta información e outra de interese relacionada coa influenza aviaria está así mesmo dispoñible na web da Consellería do Medio Rural.
Finalmente, queremos informar de que aínda que o serotipo do virus IAAP predominante en Europa en 2022 e 2023 (serotipo H5N1), presenta un escaso potencial zoonótico (transmisibilidade directa ás persoas), e non existe risco polo consumo de produtos avícolas, cursa cunha alta morbilidade e mortalidade entre as aves. Dadas as graves repercusións económicas que a súa presenza pode causar ao sector avícola, é moi importante a súa detección precoz polo que calquera sospeita de súa presenza, tanto en aves domésticas como en aves silvestres, debe ser comunicada de inmediato aos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural, directamente ou, de existir, a través do veterinario da explotación.
Descargas:
Arquivos | Tamaño |
---|---|
CARTA DIRIXIDA AOS CONCELLOS ZEV | 125.59 KB |
CARTA DIRIXIDA AOS CONCELLOS ZER | 139.5 KB |