SITUACIÓN DE RISCO POR INFLUENZA AVIARIA EN AVES 2023

Ao longo do pasado ano 2022 a situación epidemiolóxica en España en relación á Influenza Aviaria de Alta Patoxenicidade (IAAP) agravouse con respecto a anos anteriores, ao terse detectados numerosos focos tanto en aves silvestres como en domésticas. Ata o 20/12/2022 notificáronse un total de 142 casos, dos cales 138 corresponderon a aves silvestres, 3 a aves criadas en catividade sen finalidade produtiva e 37 a aves de curral, sendo o último caso notificado unha granxa de ocas localizada na provincia de Valladolid. Esta detección de casos tamén afectou á nosa comunidade autónoma, onde notificamos desde o pasado mes de agosto e ata a data de hoxe, un total de 29 casos, todos eles en aves silvestres (mascatos e gaivotas) e localizados na súa maioría en concellos costeiros.

A situación descrita indica polo tanto un incremento da circulación do virus da IAAP H5N1 en España, así como en Galicia, cun aumento de risco apreciable xa que se ben os primeiros focos detectados en aves silvestres na nosa Comunidade Autónoma correspondían na súa totalidade a mascatos (aves migratorias e exclusivamente de hábitat mariño), nas últimas semanas foron detectadas gaivotas positivas a IAAP, sendo estas aves, como é coñecido, de hábitos tanto marítimos como terrestres e de presenza ubicua e permanente en gran parte do noso territorio. Esta situación fai máis probable o contaxio de aves domésticas co virus da influenza aviaria.

Ante a evolución da situación epidemiolóxica, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) procedeu á actualización da situación do risco en relación coa IAAP, o que deu como resultado unha valoración do risco nos concellos situados nas denominadas Zonas de Especial Risco (ZER) e Zonas de Especial Vixilancia (ZEV), definidas na Orden APA/2442/2006, de 27 de xullo, pola que se establecen medidas específicas de protección en relación coa influenza aviaria.

Os concellos incluídos na zona ZER son os seguintes: A Illa de Arousa, Cambados, Meaño, O Grove, Sanxenxo, Ribadumia e, Vilanova de Arousa, todos na provincia de Pontevedra.

Os concellos incluídos na zona ZEV son os seguintes: Cariño, Dumbría, Mazaricos, Ortigueira, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Vimianzo e Zas na provincia de A Coruña, Ribadeo e Trabada na provincia de Lugo, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos e Xinzo de Limia na provincia de Ourense e A Guarda, Marín, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa na provincia de Pontevedra.

As medidas establecidas na normativa de aplicación na actual situación de risco para os territorios incluídos nas zonas ZER e ZEV, son de aplicación para calquera tipo de explotación avícola, sexa industrial, artesanal ou de pequena capacidade, así como tamén para os currais familiares de autoconsumo. Estas medidas, establecidas na citada Orden APA/2442/2006, están orientadas fundamentalmente a evitar o contacto directo ou indirecto das aves domésticas coas aves silvestres de calquera especie.

A Consellería do Medio Rural mantén informados puntualmente destas medidas ás persoas titulares de explotacións avícolas comerciais (sexan industriais ou artesanais), a través das canles habituais de contacto co sector avícola galego. Así mesmo, e para a súa difusión a estas persoas titulares de explotacións avícolas e fundamentalmente ás persoas propietarias de currais familiares avícolas, a Consellería do Medio Rural remitiu recentemente unha carta a cada un dos concellos incluídos nas citadas zonas ZER e ZEV, á que se xuntaba un documento informativo sobre medidas de bioseguridade a aplicar nestas instalacións.

A súa finalidade, dado o carácter de explotación non comercial e orientada ao autoconsumo, é informar ás persoas propietarias dos aspectos de interese relacionados coas medidas preventivas, necesarias por razóns de sanidade animal nas actuais circunstancias de risco en relación coa influenza aviaria. As enfermidades, humanas ou animais, non coñecen barreiras administrativas, e ningún concello, non só os recollidos normativamente como pertencentes ás citadas zonas ZER e ZEV, está libre da aparición dun foco de influenza aviaria, polo que esta dirección xeral estima necesaria a maior difusión posible desta información xeral a todos os concellos integrados na federación.

A continuación pode descargar os dous documentos citados, dirixidos aos concellos ZER e ZEV.

En canto ás medidas adoptadas nos concellos que non están incluidos nas zonas ZER ou ZEV, queremos recordar que, segundo a Orden APA/2442/2006, a presenza de aves de curral (aquelas destinadas á produción de carne, ovos, outros produtos ou á actividade cinexética) en centros de concentración (feiras, mercados,...) está prohibida, agás autorización da autoridade competente en materia de sanidade animal tras unha avaliación do risco. En canto ás concentracións doutro tipo de aves (cetrería, concursos de canto,...) poderianse prohibir en función dunha avaliación do risco desfavorable. A este respecto, queremos indicar que en calquera caso as concentracións de aves requiren autorización da Consellería do Medio Rural (as de aves de curral) ou da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (o resto), polo que antes de se celebrar algún evento que implique a presenza de aves (ferias, exhibicións, concursos,...) é necesario poñerse en contacto coas correspondentes delegacións provinciais das citadas consellerías, que informarán acerca da forma de solicitar a autorización correspondente e dos requisitos esixidos.

Por outra banda, informar da obriga que teñen todas as persoas titulares de currais familiares de autoconsumo, independentemente do concello onde se atope, de inscribir o seu curral no Rexistro de Explotacións Avícolas da Consellería do Medio Rural. A única finalidade deste rexistro é ter constancia da existencia do curral, como información de interese nunha situación de emerxencia sanitaria por influenza aviaria no territorio galego.

Este rexistro pode realizarse por diversas vías:

Prégase que se dea a maior difusión posible a esta información a todos os veciños e veciñas do seu concello polos medios dispoñibles que consideren máis adecuados. 

 

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon Carta concellos ZER146.85 KB
PDF icon Carta Concellos ZEV146.43 KB