SITUACIÓN DE RISCO POR INFLUENZA AVIARIA EN AVES 2022

Data: 

xoves, 13 Xaneiro, 2022 (Todo o día)

 

O pasado 13/12/2021 a Xunta de Galicia informaba acerca dun cambio na situación epidemiolóxica con respecto á Influenza Aviaria de Alta Patoxenicidade (IAAP) en España, ao terse detectado un incremento da circulación do virus causante en varios países de Europa. Esta situación implicaba un alto risco de transmisión do citado virus, debido fundamentalmente aos hábitos migratorios das aves silvestres, frecuentemente portadoras deste virus, polo que se adoptaron una serie de medidas a aplicar nos concellos incluídos nas Zonas de Especial Risco (ZER) e nas Zonas de Especial Vixilancia (ZEV), de acordo coa Orden APA/2442/2006, de 27 de xullo, pola que se establecen medidas específicas de protección en relación coa influenza aviaria, e das que se lles informou no noso escrito de 13 de decembro. O nivel de risco aumentou nas seguintes semanas, incrementándose o número de focos en diversos países europeos, incluido España, que notificou un foco de IAAP en aves silvestres na provincia de Lleida o pasado 4 de xaneiro e de dous focos en aves domésticas en Portugal, un ao sur de Lisboa, e outro, máis recente, preto de Coimbra. Tendo en conta a situación descrita, o risco de circulación do virus da IAAP, especialmente do serotipo H5N1 en Galicia e no resto do Estado pódese considerar como como moi alto nas zonas ZER e alto nas zonas ZEV, polo que desde o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), decidiuse a semana pasada equiparar as medidas de bioseguridade a aplicar en ambas zonas en todo o territorio do Estado, para calquera tipo de explotación avícola, sexa industrial ou familiar. Estas medidas, de aplicación tanto nos concellos situados na ZER, como nos situados na ZEV, e aconsellables no resto do territorio, están establecidas na Orden APA 2442/2006, e orientadas fundamentalmente a evitar o contacto directo ou indirecto da aves domésticas con aves silvestres de calquera especie, son as seguintes: 

• Prohíbese a cría de aves ao aire libre: todos os propietarios de aves deben recluír as súas aves en instalacións pechadas a cuberto. Se isto non fora posible por non dispoñer destas instalacións, poderíanse manter as aves no exterior sempre que existan teas paxareiras ou calquera outro dispositivo que impida o acceso de aves silvestres e sempre que se alimente e subministre auga ás aves domésticas no interior das instalacións ou cubertos que impidan o contacto das aves silvestres coa auga ou alimento destinados ás aves domésticas.

• Queda prohibido o uso de reclamos de caza con aves do tipo anátidas (parrulos ou similares) e charadriiformes (gaivotas e similares).

• Queda prohibida a cría de parrulos, ocas e gansos xunto con outras especies de aves de curral.

• Prohíbese darlles ás aves de curral auga procedente de depósitos superficiais, fontes ou outras orixes ás que puideran ter accedido aves silvestres, ao non ser que a auga sufrira un tratamento de hixienización que garantira a inactivación de posibles virus da influenza aviaria.

• Os depósitos de auga de subministro para as aves domésticas, que puidera haber no exterior, deberán ser protexidos para impedir que poidan acceder as aves silvestres ou as súas dexeccións.

• Quedan prohibidas as concentracións de aves de calquera tipo, comerciais ou non (exhibicións, concursos...), tanto de aves de curral como doutras aves distintas a estas (p. ex. aves ornamentais ou similares).

• É obrigatoria a inscrición dos currais familiares de autoconsumo no Rexistro Galego de Explotacións Avícolas da Consellería do Medio Rural.

Como información complementaria volvemos a recordar as seguintes recomendacións:

• As persoas relacionadas con granxas avícolas comerciais que posúan tamén unha explotación avícola de tipo curral familiar, deben evitar ter contacto con aves dunha e outra explotación sen previamente tomar as axeitadas medidas de bioseguridade (lavado de roupa, lavado de mans...), especialmente se as aves do galiñeiro familiar teñen posibilidade de contactar con aves silvestres.

• As persoas titulares ou traballadoras en explotacións ou titulares de currais familiares de calquera tipo, se realizen actividade cinexética de caza menor de aves, deben manter as adecuadas prácticas de bioseguridade unha vez finalizada a actividade cinexética, procurando no entrar en contacto coas aves domésticas da súa propiedade.

Lembramos a continuación a relación de concellos galegos incluidos nas citadas zonas de risco:

Zona ZER: A Illa de Arousa, Cambados, Meaño, O Grove, Sanxenxo, Ribadumia e, Vilanova de Arousa, todos na provincia de Pontevedra.

Zona ZEV: Dumbría, Mazaricos, Ortigueira, Porto do Son, Ribeira, Vimianzo e Zas na provincia de A Coruña, Ribadeo e Trabada na provincia de Lugo, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos e Xinzo de Limia na provincia de Ourense e A Guarda, Marín, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa na provincia de Pontevedra.

Dadas as características desta enfermidade, cunha alta difusibilidade entre as aves e as graves repercusións económicas que a súa presenza pode causar ao sector avícola, é moi importante a detección precoz dunha sospeita desta enfermidade polo que calquera sospeita de influenza aviaria debe ser comunicada de inmediato aos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural, directamente ou, de existir, a través do veterinario da explotación. Igualmente no caso de sospeita en aves silvestres. A Consellería do Medio Rural mantén informado puntualmente da situación epidemiolóxica actualizada así como das medidas a aplicar nas zonas ZER e ZEV ás persoas titulares de explotacións avícolas comerciais (sexan industriais ou artesanais), a través das canles habituais de contacto co sector avícola galego. Desde a dirección xeral de gandaría, enviouse unha carta a cada un dos concellos incluídos na zona ZEV informándolles da nova situación e das medidas de protección a levar a cabo. 

Finalmente é moi importante trasladar aos cidadáns que o serotipo de virus da IAAP circulante actualmente é o H5N1, cunha elevada mortalidade entre as aves, pero sen evidencias de potencial zoonótico (é dicir, transmisibilidade ás persoas). 

Máis información na seguinte ligazón: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/gandaria/sanidade-animal/programas-oficiais/influenza-aviaria