SITUACIÓN DE RISCO POR INFLUENZA AVIARIA EN AVES

Data: 

mércores, 25 Novembro, 2020 (Todo o día)

 

Desde finais do mes de xullo detectouse en varios países do leste de Europa a circulación de virus da influenza aviar de alta patoxenicidade (en diante IAAP) do serotipo H5N8, tanto en aves domésticas coma silvestres. Cabe sinalar que este serotipo non ten carácter zoonótico, é dicir non se transmite ás persoas nin lles produce ningunha enfermidade.

A detección destes virus neses países adoita significar un maior risco de aparición do virus en territorios situados cara o oeste nos meses seguintes, consecuencia fundamentalmente dos hábitos migratorios de aves silvestres, que son os vectores que habitualmente dispersan a enfermidade nos lugares de paso e asentamento invernal. Esta situación comprobouse en anteriores olas epidémicas da influenza aviaria nos anos 2005-2006 e 2016-2017, e agora parece confirmarse de novo, dada a aparición de focos da enfermidade tanto en aves silvestres como domésticas, desde o pasado mes de outubro, en países máis próximos a nós, concretamente nos Países Baixos, Alemaña, Reino Unido, Irlanda, Dinamarca e Bélxica.

A actual situación epidemiolóxica supuxo un cambio na valoración do risco de aparición desta enfermidade en España, de xeito que á data actual, considérase que existe un risco alto de detección do virus da IAAP nas zonas previamente determinadas como zonas de especial risco (ZER), e de risco moderado nas zonas determinadas como zonas de especial vixilancia (ZEV), así definidas na Orden APA 2442/2006,de 27 de xullo, pola que se establecen medidas específicas de protección en relación coa influenza aviaria.

 

  • Os concellos incluídos na zona ZER son os seguintes: A Illa de Arousa, Cambados, Meaño, O Grove, Sanxenxo, Ribadumia e, Vilanova de Arousa, todos na provincia de Pontevedra.

            Consulte aquí as medidas a aplicar nas explotacións avícolas en concellos en zona ZER en relación á influenza aviaria

 

  • Os concellos incluídos na zona ZEV son os seguintes: : Dumbría, Mazaricos, Ortigueira, Porto do Son, Ribeira, Vimianzo e Zas na provincia de A Coruña, Ribadeo e Trabada na provincia de Lugo, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos e Xinzo de Limia na provincia de Ourense e A Guarda, Marín, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa na provincia de Pontevedra.

           Consulta aquí as medidas a aplicar nas explotacións avícolas no concellos incluídos en zona ZEV en relación á influenza aviaria

 

As medidas establecidas na normativa de aplicación na actual situación de risco para os territorios incluídos nas zonas ZER e ZEV, son de aplicación para calquera tipo de explotación avícola, sexa industrial, artesanal ou de pequena capacidade ou un curral familiar para autoconsumo, e están orientadas fundamentalmente a evitar o contacto directo ou indirecto das aves domésticas con aves silvestres de calquera especie.

Cómpre pois, informar ás persoas titulares de currais familiares avícolas de aspectos de interese relacionados coas medidas preventivas, recomendables ou de obrigado cumprimento, segundo os casos, necesarias por razóns de sanidade animal nas actuais circunstancias en relación coa influenza aviaria.

As enfermidades, humanas e animais, non coñecen barreiras administrativas, polo que ningún concello, non só os recollidos normativamente como pertencentes ás citadas zonas ZER e ZEV, esta libre da aparición dun foco de enfermidade, neste caso a influenza aviaria, polo que se difunde esta información a todas as entidades integradas na Fegamp.  

Esta información e outra de interese relacionada coa influenza aviaria estará así mesmo en breve prazo tamén dispoñible na web da Consellería do Medio Rural.