Data:
“A colaboración entre administracións é imprescindible para resolver os problemas de financiamento e de competencias locais”
Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2024.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), participou na mesa redonda inaugural do VI Congreso da Red Localis “La reforma inconclusa de las competencias locales”, que está a celebrarse hoxe e mañá en Santiago de Compostela.
Dende a Red Localis convidouse a participar á FEGAMP nos traballos do congreso, formando parte do panel de intervencións da mesa redonda inaugural “La reforma local 10 años después. Balance y perspectivas de futuro”.
Concretamente interviñeron Natalia Prieto, directora xeral de Administración Local, e Patricia Vilán, secretaría xeral da FEGAMP, ademais da Concepción Campos, codirectora da Red Localis, que presentou e moderou a mesa.
Na súa intervención, Patricia Vilán comezou ampliando o período de referencia sobre a reforma local ata o ano 2004, data dende que leva sen modificarse o sistema de financiamento local dende o Estado, pasando polo ano 2006 que en Galicia asinou o Pacto Local entre o goberno da Xunta de Galicia e a FEGAMP e salientando que dende o ano 2009 o Fondo de Cooperación Local fixou en 113 millóns a súa partida económica, e aínda sigue así en 2024 na súa parte incondicionada.
Para a secretaria xeral da FEGAMP “non hai dubidas de que as entidades locais son a administración pública máis eficiente, amosando a maior capacidade na xestión cos recursos recorrente e manifestamente escasos”. “Sendo a administración máis próxima á cidadanía parece lóxico que os concellos merezan un marco de competencias flexible e adaptable ás demandas sociais, cada día máis cambiantes” proseguiu.
Patricia Vilán destacou que “a asunción de novas competencias dos concellos non ven acompañada do financiamento, polo que urxe acadar toda a colaboración posible entre as administracións públicas” e que “a situación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) require que Xunta e Estado cumpran co 50% de financiamento que lles corresponde ata completar o 100%, e os concellos seguirán a xestionalo de xeito eficiente como ata agora, sen verse economicamente afogados ante esa falta de financiamento”.
Para Vilán “se a Xunta de Galicia padece dun déficit de mil millóns de euros dende o Estado para o financiamento dos servizos sociais entre 2009 e 2021, esa cantidade se multiplica por tres no caso dos concellos.”
Nesa liña a secretaria xeral da FEGAMP sinalou que “a Xunta de Galicia reclama un maior peso da dispersión e do envellecemento para o financiamento autonómico, pero eses factores no caso do financiamento local correspondente á Xunta, e a pesares da reclamación reiterada e unánime dos concellos galegos e mesmo de estar contemplado na norma autonómica, son rexeitados recurrentemente pola Xunta de Galicia”
“Para o desenvolvemento xusto das competencias dende a FEGAMP centramos o debate no recollido no Estatuto de Autonomía de Galicia, que fixa as competencias exclusivas da Xunta de Galicia, e na Lei da Administración Local de Galicia, que sinala o procedemento de transferencia de competencias dende un enfoque de avaliación do custo efectivo da competencia transferida” tendo en conta que “hai que recuperar o cumprimento do Pacto Local de Galicia, destacando especialmente a asunción dos custos de mantemento dos centros escolares de Infantil, Primaria e Educación Especial, e dos centros de Saúde de titularidade municipal” destacou Patricia Vilán.
A secretaria xeral da FEGAMP rematou poñendo o acento nos retos necesarios sinalando que “cara ao futuro inmediato tense que avanzar cara un financiamento estrutural dende a Xunta de Galicia ás entidades locais recollido nunha nova Lei de Administración Local de Galicia consensuada cos concellos, dende a mellora da parte incondicionada do Fondo de Cooperación Local baixo criterios de poboación, superficie, dispersión, envellecemento e equilibrio demográfico” e que “no caso do financiamento das entidades locais dende o Estado se precisa recuperar los períodos de quince anos para a revisión do actual modelo de Participación nos Ingresos do Estado, que leva vinte anos cos desaxustes que iso implica, ademais de dotar un Fondo Anual Complementario que contemple criterios de reparto sobre o custo efectivo dos servizos prestados polas entidades locais.”