Data:

Os concellos que están recorrendo ás sancións da Xunta polo problemas na xestión do SAF pola falta de financiamento contan co apoio da FEGAMP, que tamén estudiará recorrer xuridicamente os incumprimentos da Xunta e do Ministerio
A aprobación no Consello de Ministros do anteproxecto que reforma a Dependencia coincide co ano que leva a FEGAMP agardando para manter a reunión co ministro de Dereitos Sociais, para resolver o financiamento do SAF aos concellos
Tamén coincide coa resposta da Consellería de Política Social para manter a reunión solicitada antes do verán pasado a primeiros de marzo
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2025.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, mantivo unha reunión cos alcaldes de Calvos de Randín (Aquilino Valencia), Rodeiro (José Luis Camiñas) e Valdoviño (Alberto González), e coa alcaldesa de Samos (María Jesús López) para avaliar a situación creada polas sancións impostas pola Xunta de Galicia por problemas na xestión do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) por non recibir os concellos o financiamento necesario dende a Xunta de Galicia e dende o Ministerio de Dereitos Sociais.
Na reunión achegouse información de como están a proceder os concellos na reclamación xurídica contra as sancións e da posibilidade de tamén reclamar xuridicamente á Xunta e ao Ministerio polos seus incumprimentos na obriga legal de ambas administracións do financiamento total do SAF, xa que a obriga dos concellos é da xestión pero non de financialo.
“Pero están a ser os concellos os que están a achegar a meirande parte do financiamento, xa que se de media o SAF está a costar de media por riba dos 20 euros/hora, chegando xa en moitos casos aos 25 euros/hora, entre a Xunta e o Ministerio só achegan 12 euros/hora” denunciou o presidente da FEGAMP sinalando que “aínda de non cumprir coas súas obrigas, dende a Xunta se sanciona a concellos por non poder atender unha hora de SAF con 5.000 euros” sinalou o presidente da FEGAMP.
Todo isto coincide co que hoxe se recibiu resposta da Conselleira de Política Social, Fabiola García, á solicitude de reunión solicitada pola FEGAMP antes do verán pasado, e reiterada neste tempo, fixándoa para primeiros de marzo. E nesa reunión, ademais de reclamar a mellora do financiamento do SAF , Alberto Varela vai reclamar a suspensión das sancións pola inconcibible situación que crea a Xunta ao sancionar concellos por padecer problemas na xestión do SAF motivados pola falta do financiamento da que a Xunta tamén é responsable.
Hoxe tamén se aprobou no Consello de Ministros o anteproxecto de reforma da Dependencia, e coincide no tempo con que nestes días cumpre un ano que a FEGAMP solicitou unha reunión ao ministro de Dereitos Sociais, Pablo Bustinduy, e daquela, máis aló de xestións con persoal do Ministerio, aínda non se tivo resposta.
E esta reforma da Dependencia comeza o seu longo percorrido lexislativo coa grave eiva de faltarlle o financiamento para poder cubrir os novos servizos e dereitos. O presidente da FEGAMP salientou que “dende o Ministerio súmanlle á falta do financiamento do SAF esta nova falta de financiamento, alegando ser un problema da fata da aprobación dos orzamentos xerais para 2025”.
Alberto Varela lembroulle ao ministro os problemas de xestión creados tamén pola falta de financiamento na aplicación do Real Decreto 625/2023, que incrementou siginificativamente as horas de servizo mensual do SAF nos seus tres grados, e por ende, os custos aos concellos.
“Estamos a falar dun incremento de entre 19 e 24 horas máis no grado III, de entre 17 e 19 horas máis no grado II, e de ata 17 horas máis no grado I. E isto está a supoñer un sobrecusto anual estimado que varía entre 250 e 400 millóns de euros, cunha intensidade mínima e máxima en cada grao, respectivamente, e que tamén esta sendo asumido polos concellos”.