Representantes institucionais e técnicos dos concellos de Moeche, Vilasantar, O Rosal, Silleda e Sober participaron na xornada sobre comunidades enerxéticas

Data: 

martes, 2 Decembro, 2025 (Todo o día)

Vídeo resumo da xornada

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2025.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrou unha xornada de traballo do proxecto EC4RURAL no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela dirixida a responsables municipais e persoal técnico implicado no desenvolvemento das comunidades enerxéticas locais. O obxectivo da xornada foi crear un espazo de intercambio, aprendizaxe e cooperación entre concellos que están a avanzar na transición enerxética desde o ámbito rural e as organizacións promotoras do proxecto.

A xornada comezou coas intervencións de Patricia Vilán, secretaria xeral da FEGAMP, e de Xavier Simón, catedrático da Universidade de Vigo e coordinador do proxecto, intervencións nas que sinalaron a relevancia das comunidades enerxéticas como ferramenta para fomentar a autonomía local, reducir custos, promover a participación cidadá e favorecer un modelo enerxético máis sostible.

De seguido, dende o equipo técnico EC4RURAL–FEGAMP presentaron o traballo realizado ata o momento, explicando os principais avances logrados no acompañamento aos concellos piloto: diagnósticos enerxéticos, definición de modelos organizativos, apoio na elaboración de proxectos, fomento da participación social e sistematización das aprendizaxes acumuladas durante o proceso.

Representantes institucionais e técnicos dos concellos de Moeche, Vilasantar, O Rosal, Silleda e Sober tomaron a palabara para presentar as súas experiencias na implementación de comunidades enerxéticas dende á súa realidade social, económica e administrativa. Isto permitiu coñecer máis polo miudo os diferentes enfoques, identificar boas prácticas e comprender os retos comúns aos que se enfrontan os municipios rurais nesta transformación.

Na xornada tamén houbo un espazo de “café networking” e unha sesión de intercambio de coñecementos entre as persoas participantes representantes institucionais e técnicos dos concellos coas persoas técnicas promotoras do proxecto, rematando coa presentación das conclusións e dos seguintes pasos do proxecto EC4RURAL, poñendo o foco na continuidade do acompañamento, na consolidación das comunidades enerxéticas piloto e no impulso dun marco de cooperación estable entre concellos comprometidos coa sustentabilidade e a innovación

O proxecto EC4RURAL é unha iniciativa europea na que participa a FEGAMP, orientada a impulsar a creación e consolidación de comunidades enerxéticas en zonas rurais, fortalecendo o papel dos concellos como actores clave na transición cara a un modelo enerxético máis sostible, democrático e resiliente. O seu propósito principal é ofrecer acompañamento técnico, metodolóxico e estratéxico aos municipios interesados en promover modelos colaborativos de xeración e xestión da enerxía.

A través do traballo con distintos concellos piloto, EC4RURAL pretende demostrar que as comunidades enerxéticas poden ser unha ferramenta viable e beneficiosa tamén en territorios dispersos, con baixa densidade de poboación e estruturas administrativas máis limitadas. 

 

 

 

XORNADA EC4RURAL CONCELLOS E COMUNIDADES ENERXÉTICAS