Seis federacións de municipios impulsan un proxecto europeo para potenciar os atractivos turísticos das zonas rurais con tradicións en perigo polo despoboamento

Data: 

venres, 10 Marzo, 2023 (Todo o día)

A rede Retturn está formada por Galicia, Andalucía, Canarias, Extremadura, Aragón e Valencia

Preténdese xerar novas experiencias turísticas, únicas e adaptadas a cada territorio para crear emprego e riqueza

A transhumancia, as pallozas e a produción de mel nos dominios do oso pardo son as tres tradicións galegas que se van promover nos próximos 18 meses, en colaboración do GDR Montes e Vales Orientais

 

Zaragoza.- Responsables das federacións de municipios de Galicia, Andalucía, Canarias, Estremadura, Aragón e Valencia reuníronse hoxe en Zaragoza para impulsar o proxecto RETTURN, financiado cos fondos europeos Next Generation, que persegue innovar e transformar o concepto de “turismo rural” e céntrase en dar resposta a unha gran problemática como é a perda do patrimonio inmaterial xerado principalmente polo despoboamento das zonas rurais. Trátase de xerar novas experiencias centradas na posta en valor de tradicións rurais en perigo de extinción.

O patrimonio popular apícola existente nos dominios do oso pardo; a gandería de montaña, transhumancia, valores ambientais e uso da auga; e as pallozas e teitos de palla como símbolo de economía verde e circular son as tres tradicións seleccionadas pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), sobre as que se van a xerar experiencias turísticas de calidade e sostibles adaptadas ás diferentes realidades territoriais.

Partindo da análise das tradicións ou costumes en vías de extinción, o proxecto RETTURN pretende xerar paquetes turísticos que incorporen e fusionen diferentes tipoloxías de experiencias (culturais, enogastronómicas, natureza…) co fin de crear experiencias turísticas únicas adaptadas a cada territorio. Desta forma, esta experiencia turística vinculada ás tradicións e costumes da cada zona actuará de panca no crecemento da economía local, potenciará a xeración de emprego e contribuirá a frear o despoboamento.

O presidente da FAMCP, Luís Zubieta, inaugurou a xornada xunto á directora xeral de Patrimonio Cultural, Marisancho Menjón, e o Comisionado para a Loita contra o Despoboamento do Gobierno de Aragón, Javier Allué. Zubieta destacou no seu discurso de benvida a necesidade de poñer en valor as tradicións rurais co obxectivo de evitar a súa desaparición, e a importancia de xerar experiencias turísticas na contorna rural que contribúan a crear emprego e riqueza nas zonas de forte despoboamento.

Principais tradicións

Ademais das galegas, cada federación de municipios seleccionou as tradicións sobre as que xerar as experiencias turísticas. Así, Andalucía vai potenciar as tradicionais “jarapas” confeccionadas a man; a festa das Cruces de Maio que se celebra na primavera na provincia de Huelva e a tradición do vidro soprado. A federación de Canarias seleccionou o coñecemento agrario da Illa da Gomera, os teares e o Rancho de Ánimas de Valleseco. Estremadura promoverá a festa da matanza do porco ibérico, o cultivo do Pemento da Vera e o Roteiro de Contrabando da raia. Aragón seleccionou as navatas, a tamborrada, e a transhumancia. Por último, Valencia, as celebracións en torno ao lume, os xogos e deportes autóctonos, e o Cant Valencià D’Estil-Albaes. 

Que é a Rede-RETTURN?

A Rede de Experiencias Turísticas baseadas na Tradición Rural- RETTURN forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia aprobado polo Goberno Central para canalizar os fondos destinados por Europa a reparar os danos provocados pola crise do COVID-19. O proxecto RETTURN ten un prazo de execución de 18 meses e un orzamento de 1.200.000 euros.