A proposta de protocolo de seguridade no SAF precisa de concreción na cobertura económica e de modificacións normativas para que sexa eficaz

Data: 

martes, 4 Novembro, 2025 (Todo o día)

A reunión da mesa de traballo celebrada hoxe na FEGAMP serviu para coñecer a proposta de protocolo elaborada polo ISSGA, quedando as administracións e organizacións participantes en achegar propostas de concreción

Na reunión participaron persoal de Inspección de Servizos Sociais da Consellería e do ISSGA, da Delegación do Goberno, das asociacións empresariais do sector, dos sindicatos máis representativos e do Colexio Oficial de Traballo Social

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2025.- Hoxe celebrouse na Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) a segunda xuntanza da mesa de traballo para a elaboración dun protocolo de seguridade para o persoal do Servicio de Axuda no Fogar (SAF), na que as persoas representantes do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) presentaron a proposta de protocolo anunciada nestes días polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

A reunión contou coa participación de persoal da Inspección de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e do persoal do ISSGA, e da Delegación do Goberno, ademais das representacións das asociacións empresariais do sector (AGESAF e ASADE), das organizacións sindicais máis representativas (CCOO, CIG, CSIF e UGT) e do Colexio Oficial do Traballo Social de Galicia. Pola banda da FEGAMP participou unha delegación encabezada polo seu presidente, Alberto Varela, acompañado polo vicepresidente primeiro e alcalde de Poio, Ángel Moldes; o vicepresidente segundo e alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e a vicepresidenta executiva e alcaldesa de Betanzos, María Barral.

Na presentación da proposta de protocolo, o persoal do ISSGA sinalou que busca ser unha ferramenta que presente procedementos de avaliación de riscos previa e de atención das situacións de risco acontecidas. E que estaba aberta a achegas para a súa concreción.

Ante a falta de información na proposta do protocolo sobre a cobertura económica e sobre as modificacións normativas precisas para abordar situacións relativas á suspensión do servizo e ao servizo alternativo para a persoa dependente afectada, acordouse achegar esas propostas nestes días, para poder revisalas e poder celebrar unha seguinte reunión o máis cedo posible na que se poda avanzar na súa concreción.

O presidente da FEGAMP sinalou a “urxencia de concretar contidos, recursos e responsabilidades no desenvolvemento seguro do SAF, para que tanto as traballadoras desenvolvan o seu labor en condicións de seguridade, e que as persoas dependentes reciban o servizo de atención que necesitan”, polo que conta co compromiso de todas as administracións e organizacións para tal fin.

SEGUNDA REUNIÓN MESA TRABALLO PROTOCOLO SEGURIDADE SAF