Procedemento para a concesión do uso de instalacións xuvenís para a realización de programas de lecer educativo e tempo libre durante a campaña de verán 2025 para colectivos xuvenís. Prazo: 12-05-2025

Data: 

venres, 2 Maio, 2025 (Todo o día) a luns, 12 Maio, 2025 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 10 de abril de 2025 pola que se convoca o procedemento para a concesión do uso de instalacións xuvenís para a realización de programas de lecer educativo e tempo libre durante a campaña de verán 2025 para colectivos xuvenís (código de procedemento BS304A).

Obxecto

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convoca o procedemento de concesión do uso das súas instalacións xuvenís dentro da programación da campaña de verán 2025, para o desenvolvemento de programas de lecer e tempo libre, sen ánimo de lucro, dirixidas á xuventude, nos termos que se establecen nesta orde e de acordo coa distribución de prazas que se recolle no anexo I (código de procedemento BS304A).

Entidades e grupos destinatarios

Poderán solicitar o uso das instalacións de referencia:

a) As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as escolas de tempo libre, debidamente constituídas e legalizadas.

b) Os consellos locais e municipais de xuventude.

c) As corporacións locais.

d) Outras entidades públicas ou privadas debidamente constituídas que realicen actividades coa xuventude.

e) Os grupos de persoas mozas non asociadas que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro e, en todo caso, para a realización dun programa de actividades para un mínimo de 15 persoas. Unha persoa integrante do grupo asumirá o papel de representante deste e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como destinatario, lle corresponden ao grupo e, en consecuencia, a todas as persoas que o forman. Será necesario que o grupo teña unha denominación que o identifique.

Servizos ofertados e duración das quendas

1. O uso das instalacións ofertadas suporá dispoñer:

a) Dos servizos de auga, gas, electricidade e alimentación en réxime de pensión completa.

O primeiro servizo de alimentación será o xantar do día da incorporación e o último será o xantar do último día de estadía concedida.

b) Do material, excepto o correspondente ás actividades que a entidade ou grupo vaia desenvolver na instalación e que, no caso dos campamentos, comprende tamén as tendas de campaña, colchóns e mantas.

c) Dos servizos da xerencia e persoal de servizos de restauración e limpeza das ditas instalacións.

2. Exclúese dos servizos ofertados o traslado ata a instalación xuvenil, tanto o día de chegada como o de saída, que serán por conta da entidade ou grupo destinatario. Igualmente, para o Campamento da Illa de Ons exclúese o traslado en barco ata a illa.

3. As instalacións, prazas e quendas ofertadas son as recollidas no anexo I.

O número de prazas e de días que se soliciten pode ser inferior ao máximo ofertado.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 7 días hábiles, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Máis Información

-Na Dirección Xeral de Xuventude: https://xuventude.xunta.gal

Descargas: