Primeira toma de contacto da FEGAMP coa CEAV para próximas colaboracións co movemento veciñal en Galicia

Data: 

venres, 9 Febreiro, 2024 (Todo o día)

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2024.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, mantivo hoxe un encontro por videoconferencia co presidente da Confederación Estatal de Asociacións Veciñais (CEAV), Julio Molina.

O encontro foi solicitado pola propia CEAV e tamén participarón a secretaria xeral da FEGAMP, Patricia Vilán, e a visecretaria nacional de CEAV en representación da Confederación Galega de Asociación Veciñais "Rosalía de Castro" - CoGaVe, María José Villamarín.

O presidente da CEAV informou da celebración en Galicia dos seus principais eventos deste ano, tendo previsto celebrar o vindeiro 24 de febreiro en Vigo a presentación da "Guía Vecinal de Rehabilitación de Edificios", elaborada en colaboración co Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España. Coincidindo co este evento, a CEAV tamén ten previsto celebrar en Vigo o 25 de febreiro o seu Consello Confederal Nacional, máximo órgano entre asembleas.

Dende CEAV tamén sinalaron que van celebrar a súa Asemblea Xeral Nacional en Lugo os días 6 e 7 de abril, e para estas importantes citas sinalaron a importancia de poder contar coa colaboración e participación da FEGAMP neles.

Alberto Varela achegou ao presidente da CEAV o agradecemento polo seu interese na colaboración de ambas organizacións nestes importantes eventos, colaboración que ten que concretarse no labor do movemento veciñal en Galicia e dos concellos galegos.

Daquela, tamén quedou pendente unha próxima reunión co presidente da CoGaVe que se espera poder celebrar o máis cedo posible.