Preto de douscentos técnicos e especialistas analizan a xestión deportiva en pequenos e medianos concellos

Data: 

venres, 21 Abril, 2017 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias e a Asociación Galega de Xestores Deportivos celebraron hoxe en Santiago de Compostela a primeira edición da xornada “A xestión deportiva para pequenos e medianos municipios”. Á acción formativa, que se desenvolveu na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), asistiron case douscentos edís, técnicos/as locais e especialistas das áreas de deporte. Con inscrición libre e gratuíta, o programa analizou as ferramentas das que dispoñen os concellos en materia deportiva, ademais daqueles instrumentos de planificación e xestión que poidan mellorar ditos servizos. O evento tamén serviu para coñecer polo miúdo os problemas e as alternativas de futuro na xestión deportiva local.

O acto foi inaugurado polo presidente da Fegamp, Alfredo García; o presidente da AGAXEDE, Eduardo Blanco; e a concelleira de deportes de Santiago, Noa Morales. Alfredo García valorou a alta asistencia e destacou o importante papel que desenvolven os pequenos e medianos municipios como motor de desenvolvemento territorial e como exemplo de eficiencia: “Os pequenos concellos do país son os que mellor cumpren de todo o Estado. As limitacións nos recursos non impiden que sigamos funcionando na promoción de todos os servizos de interese xeral para os nosos veciños e veciñas”.

Tras a apertura oficial, sucedéronse catro relatorios de expertos en materia deportiva e unha mesa redonda, que estivo moderada polo vicepresidente primeiro da Fegamp e alcalde de Cervo, Alfonso Villares. Finalmente, o acto foi clausurado pola secretaria xeral de Deporte, Marta Míguez.

FEGAMP