Data:
Os tres vicepresidentes da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo García, Francisco García e Alfonso Villares, alcaldes de O Barco de Valdeorras, de Allariz e de Cervo, presentaron onte (27 outubro) na sede da nosa institución, en Santiago, a IX Asemblea Xeral da Fegamp, que terá lugar este venres, 30 de outubro, nas instalacións da Escola Galega de Administración Pública (Egap).O cónclave cuatrianual do municipalismo galego comezará ese día ás 9,00h, coa recepción aos asistentes e ás 10,00h coa sesión de apertura, na que está previsto que interveñan o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o presidente da Femp, Abel Caballero; o presidente saínte da Fegamp, José Manuel Rey Varela; e o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
O programa é o seguinte: ás 10,30h se coñecerán os datos de participación, que a día de hoxe se achega xa ao 100%; ás 11,00h, será presentada a memoria de xestión do período 2011-2015; ás 12,30h se abrirá o prazo de candidaturas, que se coñecerán ás 16,00h; ás 14,30h terá lugar un xantar de traballo; ás 17,00h, o debate en pleno das propostas de resolución ; e en torno ás 18,30, terá lugar o acto de clausura oficial, coa intervención prevista do novo presidente da Fegamp e do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
Na Asemblea da Fegamp debatiranse os relatorios ‘Por un Novo Modelo de Financiamento Local’, ‘Racionalización da Organización Territorial Local’ e ‘Transparencia, Servizos e Modernización’, que unha vez aprobados de xeito definitivo, tra-lo debate das 57 enmendas presentadas por 6 concellos, marcarán a pauta de actuación para a nova presidencia da institución municipalista galega.
Entre os 19 convidados que xa confirmaron a súa presencia na IX Asemblea Xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias figuran, ademais do presidente e o vicepresidente do Goberno galego, e do presidente da Femp, o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, o secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, ou o delegado comercial de Correos en Galicia, Juan Blanco.
Precisamente, os vicepresidentes da Fegamp agradeceron especialmente a Correos que patrocine esta Asemblea e á Escola Galega de Administración Pública (Egap) que ceda as súas instalacións para que se poida celebrar na súa sede.