Data:
O GDR Montes e Vales Orientais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) presentaron a web www.aldeasvivas.gal como unha ferramenta que pretende poñer en contacto persoas propietarias de bens sen uso no territorio (vivendas, terras, negocios…) con persoas interesadas en facer uso deles.
Lugo, 26 de xuño de 2024.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela participou na presentación da web www.aldeasvivas.gal como iniciativa do proxecto "Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente", que persige contribuír a revitalizar e fortalecer este territorio contra o despoboamento do rural, e que e que está a desenvolvrse entre o Grupo de Desenvolvemento (GDR) Rural Montes e Vales Orientais e a FEGAMP.
No acto de presentación tamén participaron Carlos López, presidente do GDR Montes e Vales Orientais e alcalde de A Fonsagrada; Paz Rodríguez, directora xeral de Desenvolvemento Rural e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e Isabel Rodríguez López, Subdelegada do Gobierno en Lugo.
Na súa intervención, Alberto Varela destacou que "con este proxecto a FEGAMP quixo sumarse a ese esforzo e contribuír ao desenvolvemento integral do Xeodestino Ancares-Terras de Burón, un territorio duns 2.500 km cadrados e só 22.000 habitantes, con baixos índices demográficos e un alto nivel de avellentamento da poboación" mediante "o reforzamento das políticas de Estado para loitar contra o despoboamento".
"O proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente é un proxecto, un piloto, que espera ser o xerme dunha estratexia para un cambio de tendencia" sendo "unha oportunidade que xorde da existencia dunha política de Estado contra a despoboamento, que as institucións debemos contribuír á súa materialización, co fin de que esas políticas sexan avaliadas e incorporadas, mellorando as estratexias de integración territorial" proseguiu Varela.
O presidente da FEGAMP afrmou que "somos un actor activo na prospección de recursos económicos e participamos institucionalmente e non perdemos a oportunidade de reclamar o papel dos concellos no deseño de políticas públicas de impulso demográfico, así como a necesidade de que na participación dos ingresos do Estado e da Comunidade Autónoma se introduzan criterios de dispersión e envellecemento da poboación no reparto de fondos entre as entidades locais".
Alberto Varela sinalou sobre a Lei 5/2021 de 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, que "establece que entre os criterios de reparto do Fondo de Cooperación Local se incluirá o esforzo orzamentario dos concellos en materia demográfica, e que se poderá crear no Fondo de Cooperación Local un fondo específico destinado ao equilibrio demográfico territorial. Este fondo específico aínda non está creado e, xunto coa folla de ruta marcada pola lei, facilitaría a incorporación da perspectiva demográfica no deseño e desenvolvemento de políticas públicas de impulso demográfico."
Nesa liña, Alberto Varela aseverou que "promovimos o proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente, seguindo a súa orientación para poder construír un proxecto práctico cunha perspectiva territorial ampla e multifactorial. E dende o aliñamento coas políticas do Estado e da Autonomía e a participación dos axentes do territorio a través do GDR, poñendo o foco nas debilidades e deseñando propostas de solución coherentes. Ese aliñamento e o enfoque do proxecto posibilitou que sexamos beneficiarios dunha nova subvención do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que nos permitirá consolidar as actuacións do proxecto e experimentar con novas iniciativas".
O presidente da FEGAMP amosouse convencido de "que ao remate deste proxecto, a finais do 2025, a nosa contribución ao fortalecemento dos Ancares-Terras de Burón a través dos traballos, ferramentas, redes e campañas que se están desenvolver, e das aprendizaxes que a ben seguro han de saír deste piloto, sexan de utilidade para que se poida replicar noutras zonas de Galicia."
De seguido, interviñeron Lucía González, técnica da área de proxectos da FEGAMP; Fe Álvarez, xerente do GDR Montes e Vales Orientais, e Román Sánchez, técnico do Centro de Innovación, Emprendemento e Participación Social (CIEPS) de Montes e Vales Orientais, que foron os encargados de presentar a web www.aldeasvivas.gal e as súas funcións dentro do proxecto "Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente".
Nas súas intervencións destacaron que "a plataforma www.aldeasvivas.gal é un centro de recursos do territorio, desde vivendas para aluguer, ata traspaso de negocios, pasando por ofertas de emprego e incluso terras para traballar" e que está apoiada nas asociacións do territorio “para poder poñer en marcha esta plataforma e que sexan tamén elas as que axuden a detectar oportunidades para visibilizar na páxina”.
Tamén salientaron que esta web "busca dar resposta á necesidade de vivendas, locais e terras de alugueiro para o asentamento de novos poboadores no territorio ao tempo que se axuda á integración desta poboación migrante". Con isto búscase colaborar "na remuda xeracional do sector agrario, que os mozos poidan levar a cabo o seu proxecto de vida sen ter que emigrar da súa comarca e promocionar o emprendemento e a creación de emprego local a partir dos novos nichos de mercado xerados pola transición dixital e ecolóxica da economía".