Presentación da Guía metodolóxica de Comunidades Enerxéticas Locais na FEGAMP

Data: 

martes, 10 Marzo, 2026 (Todo o día)

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2026.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) albergou a presentación da Guía Metodolóxica de Comunidades Enerxéticas Locais, elaborada no marco do proxecto CELRURAL, do que a FEGAMP é socio e que ten como obxectivo o fomento da implantación de enerxías renovables a nivel rural para reforzar o desenvolvemento dun sistema enerxético sustentable e de proximidade en rexións transfronteirizas do espazo POCTEP mediante a adopción de modelos innovadores de autoconsumo enerxético compartido no ámbito das comunidades enerxéticas locais (CEL) en contornas rurais.

O acto contou coa benvida institucional da secretaria xeral da FEGAMP, Patricia Vilán, seguida da presentación do proxecto CELRURAL por parte do coordinador do proxecto Pablo Álvarez, do centro tecnolóxico ITG, quen expuxo as experiencias piloto desenvolvidas nos concellos de Xermade e Moeche.

De seguido, Luis Molano, da consultora enerxética sustentable Senda Green, explicou a metodoloxía proposta para a implantación de comunidades enerxéticas en zonas rurais. E a presentación da guía rematou coa intervención de Paco González, xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terra e Auga, na que abordou o interese e as oportunidades de desenvolvemento dunha comunidade enerxética no seu territorio.

O acto sirviu para presentar a guía como unha ferramenta útil e práctica para municipios, entidades locais e axentes do territorio, facilitando a identificación de oportunidades enerxéticas, a participación de actores locais e a posta en marcha de iniciativas de enerxía colaborativa, ao tempo que permitiu dar a coñecer os obxectivos e resultados do proxecto, orientado a impulsar a creación de comunidades enerxéticas locais en contornas rurais como ferramenta para fomentar a produción e xestión colectiva de enerxía renovable.

O proxecto CELRURAL está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg VI-A España–Portugal (POCTEP) 2021-2027

PRESENTACIÓN GUÍA METODOLÓXICA DE COMUNIDADES ENERXÉTICAS LOCAIS