Data:
A Federación Galega de Municipios e Provincias analizará a sentencia do Tribunal Constitucional sobre o Imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana (IVTNU) coñecido como Plusvalía, para valorar o seu alcance e decidir accións en defensa dos intereses das Entidades Locais Galegas con respecto ao seu financiamento.
A anulación do artigo 107 do texto refundido en 2004 da Lei que regula as Facendas Locais polo Alto Tribunal ao considerar inconstitucional o método de cálculo do devandito tributo, afecta aproximadamente a un de cada tres concellos galegos.
O anuncio xera preocupación respecto a unha fonte de ingresos que en 2019 supuxo 47.788.000 euros para as arcas locais galegas (1.88% do financiamento local autonómico) e coincide coa preparación por parte dos gobernos municipais dos orzamentos para o 2022.
Se ben o Ministerio de Facenda anunciou que revisará o imposto para dotalo de seguridade xurídica a contribuíntes e entidades locais, o presidente da Fegamp, Alberto Varela, volve a reclamar ás Administracións autonómica e estatal un mecanismo de financiamento axeitado, equitativo e estable “insistimos na necesidade e xa o dixemos en moitísimas ocasións de abordar esa reforma do sistema de financiacion“ e confirma “así mo trasladan alcaldes e alcaldesas hai preocupación porque supón un palo importante para as arcas municipais, en Galicia supón uns 47 millóns de euros e dende logo é un impacto importante” .