Data:
Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as Mulleres, a FEGAMP presentou a súa campaña contra a violencia machista baixo o lema “QUE A VERGOÑA CAMBIE DE BANDO”.
Con esta frase como idea-forza se quere chamar á atención nos mensaxes que se deben dirixir aos maltratadores, a homes que exercen a violencia de xénero contra as mulleres a través de todas as súas formas, física, psicolóxica, sexual, económica.
Quere ser un chamamento para que se denuncien todas as formas de violencia contra as mulleres e para que se acaben os “silencios cómplices”
Barbadás (Ourense), 21 de novembro de 2024.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) ven de presentar a campaña “ QUE A VERGOÑA CAMBIE DE BANDO” en colaboración co Concello de Barbadás, nun acto celebrado na Casa da Mocidade deste concello.
Esta campaña se presenta coincidindo coa conmemoración o vindeiro 25 de novembro do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as Mulleres, e con ela dende a FEGAMP se quere poñer o foco nos homes, interpelando con firmeza e respecto para que se avalíen, se sensibilicen e reaccionen ante preguntas que contribúan a facer entender que a violencia de xénero está presente en moitas situacións e circunstancias. Quere ser un chamamento para que se denuncien todas as formas de violencia contra as mulleres e para que se acaben os “silencios cómplices”
A campaña pivota sobre a frase “QUE A VERGOÑA CAMBIE DE BANDO”, pronunciada por Gisele Pelicot, muller violada polo seu marido e por decenas de homes en Francia, no xuizo contra eles que actualmente se está a celebrar. Con esta frase como idea-forza se quere chamar á atención nos mensaxes que se deben dirixir aos maltratadores, a homes que exercen a violencia de xénero contra as mulleres a través de todas as súas formas, física, psicolóxica, sexual, económica.
Na parte central do acto de presentación da campaña interviñeron a vicepresidenta executiva da FEGAMP e alcaldesa de Betanzos, María Barral, e o alcalde de Barbadás e membro da Comisión Executiva da FEGAMP, Xosé Carlos Valcárcel.
As intervencións comezaron coa condena do recente asasinato de Estela Blach en Baiona, a mans da súa ex parella, Humberto González, que xa está detido e que se agarda sexa xulgado o máis cedo posible. Condena extensiva dende todos os concellos e deputacións galegas que, ao mesmo tempo, vai acompañada da solidariedade e apoio do municipalismo galego á familia da vítima.
A vicepresidenta da FEGAMP na súa intervención reafirmou o “compromiso de todo o municipalismo galego para poñer fin á violencia contra as mulleres, como obxectivo irrenunciable”, fronte aos discursos e actitudes machistas e negacionistas, “xa que a pesares dos avances, é evidente o moito que queda aínda por facer, desgraciadamente”.
María Barral se detivo en sinalar que “dende 2003 van 1.284 mulleres asasinadas por homes que eran, ou foron, as súas parellas” e que no que levamos de 2024 “teñen sido asasinadas 40 mulleres en España, 4 delas en Galicia” sendo estes datos “insoportables para unha sociedade democrática”, ademais de ter “nome, cara, corpo, non son soamente cifras”.
Barral salientou que “estas mulleres e as súas fillas e fillos teñen dereito a vivir un presente libres sen ameazas e sen agresións” polo que “teñen que reforzarse a condena da violencia machista en toda as súas manifestacións e o traballo colectivo na construción dese presente no que ningunha muller sexa vítima da violencia.” Por iso, “toda a coordinación entre as administracións é imprescindible e obrigada para que as mulleres vítimas reciban a atención e apoio integral, especializado e que cubra todas as súas necesidades. E para evitar máis vítimas” sinalou a vicepresidenta da FEGAMP, que rematou a súa intervención afirmando que “xa é tempo de que a vergoña, que ata agora tamén recaía sobre as mulleres vítimas da violencia, cambie de bando e recaia sobre os agresores”.
Pola súa banda, o alcalde de Barbadás sinalou que a FEGAMP presenta unha campaña “pioneira” coa que se quere “reforzar a importancia da sensibilización e do traballo conxunto para erradicar a violencia de xénero”, e destacou a importancia de que esta campaña se presentara neste concello, polo recoñecemento que supón ao labor deste concello na promoción da igualdade.
Xosé Carlos Valcárcel salientou a importancia do traballo desenvolto dende o Centro de Información á Muller (CIM) de Barbadás, xa que “durante 2023, o CIM atendeu a 133 mulleres, ofrecendo un total de 742 atencións, das cales 375 foron de carácter social, 236 psicolóxicas e 131 xurídicas”.
No ano 2024 estas cifras están a manterse, reflectindo o impacto positivo do traballo desenvolvido polo CIM, que, ademais, non só atende a veciñas de Barbadás, senón tamén a mulleres doutros municipios como Ourense, San Cibrao das Viñas, Allariz ou Celanova, co que “se evidencia a súa relevancia no territorio.”