Data:

No peche do Encontro IDEAGOV-LOCAL 2026, o presidente da FEGAMP reiterou a proposta de “abordar a futura nova Lei de Administración Local de Galicia (LALGA) dende un novo Pacto Local coa Xunta de Galicia.
Denunciou que “as transferencias incondicionadas aos concellos do Fondo de Cooperación Local seguen estando “conxeladas” nos 112 millóns de euros dende 2010”.
Sinalou que “esta situación ten que mudar”, sendo este o momento propicio para elo “agora que se está abordando a reforma do financiamento autonómico”.
No Encontro tamén participaron Secundino García, vicepresidente segundo da FEGAMP e alcalde de San Sadurniño; María Barral, vicepresidenta executiva da FEGAMP e alcaldesa de Betanzos, e José Luis Martínez, membro da Comisión Executiva da FEGAMP e alcalde de Ordes.
Bergondo, 18 de setembro de 2026.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, salientou que “aínda hai tempo para traballar en común sobre a futura nova LALGA e sobre o financiamento local entre Xunta e FEGAMP”, reiterando a proposta de “abordar a futura nova Lei de Administración Local de Galicia dende un novo Pacto Local coa Xunta de Galicia, apostando por retomar as canles que o propiciaron hai agora 20 anos, para relanzalo como novo Pacto Local de xeito corresponsable e satisfactorio para ambas partes”.
Fíxoo na súa intervención no peche do Encontro IDEAGOV-LOCAL 2026, que se celebrou hoxe no Pazo de Mariñán, en Bergondo, baixo o título ‘A participación nos ingresos das comunidades autónomas e a reforma da LALGA’, e que contou coa participación de persoas expertas en facenda local e representantes da Deputación da Coruña, FEGAMP, alcaldes e alcaldesas, así como da Xunta de Galicia.
Nesa liña, e en relación cos contidos e o procedemento que está a levar o anteproxecto da futura nova Lei de Administración Local, Alberto Varela reiterou que “aínda estamos a tempo de abordar cuestións como a “desaparición” das comarcas e as parroquias, recoñecidas expresamente no artigo 40 do Estatuto de Autonomía, a modificación da regulación do reto Demográfico indicada no anteproxecto que excluiría a máis da metade dos concellos menores de 5.000 habitantes, e a obriga de fusións”, interpelando á Xunta de Galicia sobre a necesidade de sentarse a traballar en común “para acadar todo o consenso posible para a nova LALGA, consenso que so poder ser positivo tanto para os concellos como para a Xunta, e por ende, para a cidadanía galega”.
O presidente da FEGAMP lembrou que “dende o municipalismo galego levamos tempo reclamando e alertando de que a situación económica dos concellos é cada vez máis precaria, o que tamén repercute na calidade do servizo e no condicionamento económico da xestión local”.
Varela insistiu que “esta situación ten que mudar”, sendo este o momento propicio para elo “agora que se está abordando a reforma do financiamento autonómico, non sería entendible que as administracións locais, de novo, quedásemos ao marxe. A reforma do modelo de financiamento das entidades locais ten un eco menor que a do financiamento autonómico, o sabemos. Pero é, polo menos, igual de necesaria” .
En relación á Participación nos Ingresos da Comunidade Autónoma (PICA) dos concellos galegos, Alberto varela denunciou que “as transferencias incondicionadas aos concellos do Fondo de Cooperación Local seguen estando “conxeladas” nos 112 millóns de euros dende 2010” e que por iso, dende hai tempo vense propoñendo dende o municipalismo galego que “a contía adicional condicionada do FCL nos orzamentos da Xunta de Galicia se integre no fondo incondicionado para todos os concellos, con independencia da súa poboación”.
A insuficiencia da PICA dos concellos galegos está confirmada nas conclusións do informe “A reforma necesaria do financiamento local” elaborado pola USC a demanda da FEGAMP, sinalando “confirmou a necesidade de reformar os criterios de reparto, sendo especialmente importante vincular a contía coas competencias e servizos que nos últimos anos foron asumindo os concellos mediante normas sectoriais promovidas pola Xunta de Galicia sen establecer o financiamento preciso”.
O Encontro contou tamén cunha mesa sobre a reforma da LALGA na que participaron Secundino García, vicepresidente segundo da FEGAMP e alcalde de San Sadurniño; María Barral, vicepresidenta executiva da FEGAMP e alcaldesa de Betanzos, e José Luis Martínez, membro da Comisión Executiva da FEGAMP e alcalde de Ordes, en representación dos alcaldes e alcaldesas do BNG, PSdeG e PPdeG, respectivamente.






Sede Electrónica









