Os municipios reivindican unha mesa para traballar na recuperación económica

Data: 

martes, 5 Maio, 2020 (Todo o día)

 A Federación Galega de Municipios e Provincias reclama unha mesa de traballo para coordinar as actuacións das tres administracións na recuperación económica da crise sanitaria. Na reunión do CECOP celebrada esta mañá en San Caetano, o presidente da Fegamp, Alberto Varela, insistiu na importancia de que “as liñas de actuación sexan complementarias unhas coas outras, non nos solapemos e non se perdan forzas e recursos”. Para iso, suxeriu a organización dun foro no que avaliar de forma conxunta as consecuencias da crise, as distintas situacións e medidas a adoptar por todos. O enfoque da Fegamp coincide coa observación do Comité de Expertos Económicos da Xunta de Galicia, que sinala a importancia de que os esforzos e medidas das distintas  administracións sexan complementarios e se eviten solapamentos.

A Fegamp, que xa formulou esta petición por varias vías, considera que nesa mesa deben estar presentes así mesmo, representantes das grandes cidades de Galicia, das deputacións provinciais, dos distintos sectores produtivos e dos axentes sociais.

Por outra banda, Varela levou dúas peticións máis e tamén recorrentes por parte do municipalismo. En primeiro lugar, a necesidade de dispor de información epidemiolóxica por concellos para preparar futuras medidas, por canto “falando da posible desescalada por
territorios, para os alcaldes e alcaldesas é interesante que a Xunta compartise esa información para poder facer a previsións”.

Na terceira petición, o representante dos concellos apelou ás autoridades sanitarias do Goberno e Xunta, a fixar protocolos claros do uso das máscaras por parte da poboación e o papel que deben xogar as administracións locais na subministración, porque ante a falta de concreción cada concello está a adoptar as súas propias medidas, coa confusión que isto xera na poboación.