Os contratos do SAF adxudicados ou en licitación en 2025 superan de lonxe os 22 euros por hora de servizo de media, fronte aos 12 euros que se reciben conxuntamente de Xunta e Ministerio de Dereitos Sociais

Data: 

martes, 15 Abril, 2025 (Todo o día)

A Comisión Executiva da FEGAMP avalía o informe sobre os custos actualizados do SAF no que ten participado douscentos trece concellos, para envialo á Conselleira de Política Social e proseguir en abril coa negociación aberta para mellorar o seu financiamento

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2025.- A Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrou esta mañá a súa xuntanza ordinaria mensual, na que se abordou como principal asunto o proceso de  negociación aberto coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia para mellorar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Despois da primeira reunión mantida en marzo pasado polo presidente da FEGAMP, Alberto Varela, coa conselleira de Política Social, Fabiola García, a Comisión Executiva da FEGAMP acordou na súa pasada reunión elaborar un informe actualizado sobre a situación de custos do SAF nos concellos e co informe feito e avaliado, manter unha seguinte reunión coa conselleira.

Hoxe na súa reunión, a Comisión Executiva da FEGAMP avaliou o informe elaborado a partires dos datos achegado polos douscentos trece concellos que participaron no mesmo, informe que hoxe mesmo será remitido á Conselleira de Política Social, xunto co recordatorio de concretar a reunión prevista en abril, que dende FEGAMP se ten solicitada dende hai máis de unha semana.

Sobre o informe, a situación que describe está presidida por uns custos do SAF consolidados para os concellos por riba dos 20 euros por hora de servizo, sempre tendo en conta que a achega conxunta que os concellos reciben da Xunta e do Ministerio de Dereitos Sociais continúa sendo de 12 euros por hora de servizo.

Deste xeito, e segundo a información recibida, no ano 2024 os concellos están sendo obrigados a achegar case o 30% do custo do SAF (29,82%), mentres que dende a Xunta de Galicia cobren o 27,35% e dende o Ministerio o 30,56%. Restaría o 11,23% pagado polas persoas usuarias e o 1,04% cuberto por remanentes.

O prezo/hora de servizo, segundo os datos recibidos dende os concellos que participaron no informe, está nos 20,22 euros de media, sendo de 20,07 euros de media no servizo externalizado (53% dos casos), de 20,35 euros de media no servizo municipalizado (27% dos casos) e de 20,88 euros de media no servizo mixto (20%dos casos).

Nos últimos dezaseis contratos adxudicados por concellos en 2025, de media ten un custo por hora de servizo de 22,75 euros, indo dende os 23,63 euros dos concellos de menos de 5.000 habitantes, os 22, 14 euros dos concellos de 5.000 a 20.000 habitantes, os 23,30 euros dos concellos con 20.001 e 50.000 habitantes, ata os 22,98 euros dos concellos de máis de 50.000 habitantes.

E os informes económicos dos vinte e dous contratos que se atopan en tramitación amosan uns custos de 23,66 euros por hora de servizo de media, indo neste caso dende os 23,53 euros por hora de servizo nos concellos de menos de 5.000 habitantes, os 22,69 euros nos concellos de 5.000 e 20.000 habitantes, de 24,76 euros nos concellos de 20.001 a 50.000 habitantes, ata os 24,42 euros nos concellos de máis de 50.000 habitantes.

Sobre o anterior hai que ter en conta que cincuenta concellos dos que achegaron información xa manifestaron que licitarán un novo contrato no período 2025-2026, e que tamén hai que engadirlle a incidencia do incremento de horas que se produce para todos os graos de dependencia, que derivaría nun custo anual estimado para os concellos que variaría entre 260 millóns de euros (intensidade mínima en cada grao) e 420 millóns de euros (intensidade máxima en cada grao).

 

 

 

 

 

 

Comisión Executiva FEGAMP