Os concellos ultiman os seus plans para unha normalidade coa máxima seguridade

Data: 

venres, 7 Maio, 2021 (Todo o día)

A Fegamp solicita intensificar os controis nos núcleos urbanos a partir do vindeiro domingo, data en que remata o estado de alarma e entrarán en vigor as medidas establecidas polo Goberno autonómico.

Na reunión da CECOR convocada pola Delegación do Goberno, o presidente da Federación, Alberto Varela, sinalou a necesidade de extremar as precaucións ante o previsible aumento da interacción social e a ampliación de horarios, coa sobrecarga e complexidade que iso supón para os labores de control que as policías locais levan a desenvolver dende hai un ano.

A falta da publicación do DOG para rematar de concretar os plans de seguridade, Varela solicitou que os esforzos e efectivos que as outras administracións estaban a empregar no peche da Comunidade Autónoma se trasladen con fin do estado de alarma aos núcleos urbanos para labores de vixilancia nos lugares de ocio e con gran presenza de mocidade, de xeito que entre todos poidan asegurar o cumprimento das medidas preventivas e garantir a mellor seguridade ante a nova situación. Neste sentido, o presidente da Fegamp subliñou a necesidade de manter reunións de coordinación entre as tres administración similares aos CECOR e CECOP.

A Fegamp fai así mesmo un chamamento á responsabilidade e colaboración cidadá para conciliar unha maior convivencia e actividade da cidadanía coa protección da saúde no actual contexto sanitario.