Os concellos reclaman a revisión das competencias e o financiamento de forma urxente

Data: 

mércores, 27 Xullo, 2022 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias traslada ao novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, os obxectivos máis urxentes para a correcta colaboración e coordinación entre administracións en beneficio da cidadanía.

No primeiro encontro entre Alberto Varela con Alfonso Rueda como xefe do executivo galego, o presidente da Fegamp entregou un documento con máis dunha decena de materias que cómpre abordar de maneira inmediata.

A Fegamp require que se constitúa a comisión comprometida polo anterior presidente da Xunta hai máis de dous anos para estudar e reorganizar as competencias. Varela pediu que se convoque en setembro porque “sobre todo os concellos pequenos están moi asfixiados” e “é importante avanzar en esa delimitación de competencias que levamos a arrastras dende o Pacto Local de 2006.” Varela sinalou que os concellos máis pequenos están moi asfixiados por “cousas que están lastrando aos concellos, pedimos maior financiamento e avanzar nesas transferencias desas competencias que os concellos consideramos non temos que asumir”.

A Federación considera imprescindible a aprobación dunha lei galega que lles permita participar nos ingresos autonómicos de forma clara e regulada, o establecemento de cláusulas de garantía do equilibrio financeiro e demográfico, a creación do Fondo de Compensación Interterritorial fixado no Pacto Local e facilidades para acceder aos fondos europeos para a recuperación.

Outros temas abordados no encontro foron o mantemento dos colexios ou a problemática dos socorristas xa que “este verán para os concellos galegos foi máis difícil que nunca; endurecemos os requisitos para ter máis seguridade nas praias pero a realidade é que tivemos moitas praias sen socorristas e iso non sucedera nunca, entón algo non funciona e temos que corrixilo”.