Data:

A Federación Galega de Municipios e Provincias trasladou ao novo executivo do Goberno Autonómico os requirimentos dos concellos para poder manter os servizos á cidadanía en medio da xestión da pandemia da COVID19. Nunha situación na que o transcurso do tempo costa vidas e agrava a crise socioeconómica, a Fegamp propuxo un documento cos dez aspectos máis urxentes sobre os que traballar.
A Fegamp reitera que os concellos manterán a máxima cooperación que veñen prestando, na que asumiron incluso tarefas que exceden as súas competencias, e confía en que a auditoría que o presidente da Xunta se comprometeu a facer resolva a actual situación. Porén, Alberto Núnez Feijóo rexeita transferir fondos ás entidades locais para facer fronte aos gastos extraordinarios. Ante a perspectiva de non ter unha inxección económica a curto prazo, o presidente da Fegamp, Alberto Varela Paz, sinala que “os concellos non deixarán de facer ver tanto á Comunidade autónoma coma ao Estado a necesidade imperiosa que temos os concellos de fondos, que cos nosos recursos propios non vamos a poder acometer todas as funcións que se nos están a encomendar, que ante unha situación extraordinaria necesitamos fondos extraordinarios como o resto das administracións”.
A entidade que presenta á totalidade das entidades locais de Galicia reclamou “maior participación na toma das decisións que requiran xestión dos concellos” e espera que a convocatoria da Comisión Galega de Cooperación Local anunciada hoxe axude a que a Xunta mellore a súa colaboración e coordinación co municipalismo.
Respecto á información epidemiolóxica que a Consellería de Sanidade debía haber comezado a proporcionar o pasado mércores, a Fegamp vai analizar o sistema de datos proposto hoxe pola Xunta para valorar posibles melloras ou aportacións e confía e que o sistema de información aos concellos estea posta en marcha a vindeira semana.