Os concellos invitan a SOGAMA a negociar en vez de impoñer cambios no canon do lixo

Data: 

mércores, 14 Novembro, 2018 - 11:00
cubo de lixo canon Sogama

 

A Xunta de Voceiros da Fegamp realizaba en Santiago a súa xuntanza ordinaria correspondente ao mes de novembro na que se tratou o tema da rebaixa do canon que SOGAMA cobra aos concellos pola xestión do lixo municipal.

En principio isto debería ser unha boa nova, máis cando fai uns anos a empresa SOGAMA realizou unha subida unilateral do 33% deste canon: “nese momento a maioría dos concellos non repercutiron a taxa na cidadanía porque se estaba a pasar momentos de crise e os/as alcaldes/esas non quixeron incrementar o recibo municipal”, aclaraba o presidente da Fegamp, Alfredo García; agora SOGAMA pretende que a rebaixa do canon sexa repercutida na cidadanía ou que os concellos reduzan a cantidade de toneladas de lixo xenérico que envían a SOGAMA: “está claro que a redución da taxa podería ser compatible con determinados resultados pero a cuestión é a imposición, que non procede”, explicaba García.

Desde a Fegamp rexeitan polo tanto a baixada do canon ligado as esixencias impostas por SOGAMA por “atentar contra a autonomía municipal” e reclaman a vía da negociación no canto da imposición: “a taxa cremos que pode vencellarse a unha redución do recibo do lixo como acicate para a veciñanza ligado á determinados resultados ou obxectivos pero para chegar a acordos hai que negociar”, concluíu Alfredo García.