Data:
O presidente da FEGAMP denuncia esta decisión incomprensible no contexto de dificultade económica que están a padecer os concellos galegos.
Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2024.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, denunciou que a decisión tomada polo Senado onte, a instancias da maioría que ostenta nesa cámara o PP, convirte aos concellos en reféns da súa estratexia de desgaste ao Goberno de España.
Para Alberto Varela é incompresible que se aboque aos concellos a padecer maiores dificultades aínda na súa xestión económica. Que todos os concellos en España perdan case 3.000 millóns de euros de capacidade fiscal, concretamente 2.934 millóns, e que no caso dos concellos galegos sexa de 140 millóns a estimación desa perda, é o resultado da decisión da maioría do PP no Senado.
Deste xeito, “queda claro pola vía dos feitos que, lonxe de traballar na mellora da xestión económica da administración pública peor financiada, como son os concellos, se prefire incidir en crear maiores dificultades nesa xestión da que dependen servizos esenciais que prestan os concellos”, sinala o presidente da FEGAMP.
Varela salienta que “eses 140 millóns de perda de capacidade fiscal que van padecer os concellos galegos gracias á decisión dos senadores e senadoras do PP é case a mesma cantidade económica que a Xunta de Galicia destina ao financiamento dos concellos galegos a través do Fondo de Cooperación Local, sumando as partes xeral e condicionada”.
En breve comezarán a notarse os efectos de esta incompresible decisión, especialmente nos concellos que xa tiñan os deberes feitos de ter aprobados os seus orzamentos para 2024 e que agora terán que proceder a realizar os axustes necesarios para manter o 0,2% do PIB de superávit fronte ao 0% que recollía a proposta.