Os concellos galegos esixen “un antes e un despois” da pandemia respecto ás competencias que asumen, o financiamento e os gastos

Data: 

martes, 23 Xuño, 2020 (Todo o día)

 

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela, presentou o Plan de acción no ámbito municipal tralo estado de alarma. Este documento, consensuado pola Xunta de Voceiros, órgano con representación de todas as formacións políticas que gobernan, recolle unha análise do contexto económico no que os concellos prestarán os seus servizos e un plan de acción con máis de 50 medidas multifocais.

Debido ao coronavirus, as actividades que teñen que desenvolver as entidades locais mudaron extraordinariamente tanto en grao de prestación coma en competencias, tendo que reforzar os servizos básicos tradicionais dos concellos e implementar novos de carácter urxente.

Os concellos veñen acusando de lonxe un sobreesforzo pola asunción de competencias impropias.  A resolución desta problemática é unha das reclamacións máis reiterada nos últimos anos pola Federación Galega de Municipios e Provincias, que na derradeira Asemblea Xeral propuxo a dotación dun Fondo Extraordinario de compensación por valor de 340 millóns de euros polos seguintes conceptos:

CONCEPTO

Millóns €

Derivado de Axuda no Fogar/Plan Concertado e outras en materia de política social

100

Derivado Gastos mantemento CEIPs e conservatorios

80

Derivado de Gastos Sanidade

10

Derivado Fondo Compensación Ambiental e compensación outros tributos/gastos

30

Reasignación transferencias en Fondo anual infraestruturas ou integración en FCL

80

Incremento de custo medidas extraordinarias protección da saúde

40

TOTAL

340

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A nova situación xerada polo COVID-19 esixe unha reacción inmediata que pase pola redistribución de recursos e partidas e pola asunción da Comunidade Autónoma das súas competencias.

As condicións de prestación de servizo por parte dos concellos veranse agravadas ao logo do tempo por unha caída no financiamento, que segundo as proxeccións iniciais da Fegamp (estimadas contando con que non se recalculen nin PIE nin FCL fixados para este ano)  deixaría en 2022 un saldo negativo para as entidades locais de case 400 millóns de euros, o que fai necesario un plan de viabilidade a longo prazo.

A proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias contempla medidas paliativas, de recuperación económica e social, de expansión económica e medidas transversais.

A primeira petición é non tocar os importes do PIE e FCL de este ano para poder enfrontar a emerxencia, e de cara ao futuro solicítase unha ordenación das finanzas locais tanto a nivel estatal como autonómico no que os concellos e deputacións poidan dispor da autonomía para poder empregar de forma óptima os recursos de acordo ás súas especificidades. A Fegamp considera imprescindible a creación inmediata dunha comisión de análise e seguimento da situación económica, financieira  e social. O documento inclúe tamén propostas de carácter social como a reforma do IBI, medidas de protección do pequeno e mediano comercio polo seu peso na dinamización económica e dedica un paquete especial de propostas ao avance tecnolóxico na nosa comunidade.

Os concellos acompañan este documento dunha solución económica detallada con esforzo por parte de todas as administracións.