Os concellos galegos asumen acadar a representación paritaria de mulleres e homes nas corporacións locais e nas alcaldías

Data: 

martes, 20 Febreiro, 2024 (Todo o día)

A Comisión Executiva da FEGAMP aprobou hoxe a “Declaración institucional para o 8 de Marzo 2024 #concellosgalegosenfeminino”.

A FEGAMP celebrará o vindeiro 27 de febreiro unha xornada na que participarán a secretaria de Estado de Igualdade, Aina Calvo, e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Ribo, entre outras responsables institucionais.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2024.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrou hoxe a xuntanza da súa Comisión Executiva presidida por Alberto Varela, quen aproveitou para achegar os seus parabéns aos alcaldes e alcaldesas do PP e do BNG presentes na xuntanza polos bos resultados obtidos nas recentes eleccións galegas. Queda agardar unha rápida constitución do Consello de Goberno da Xunta de Galicia para poder retomar o máis cedo posible os traballos en común sobre as competencias dos concellos e sobre o financiamento dos servizos sociais.

Ademais de todos os asuntos de xestión tratados, a Comisión Executiva aprobou a “Declaración institucional da FEGAMP para o 8 de Marzo 2024 #concellosgalegosenfeminino” na que se reafirma “o compromiso coa igualdade de xénero en todos os espazos da vida política e social local”.

Na declaración os concellos galegos asumen ”a necesidade de avanzar cara a unha representación paritaria de mulleres e homes” nas corporacións locais. Recoñécense avances, como “ter pasado nestes últimos vinte anos de dezaoito alcaldesas no ano 2003 a setenta e unha alcaldesas no ano 2023, o que supón un 22% dos concellos galegos”, ao mesmo tempo que se sinala que isto reflicte que “as mulleres seguen estando infrarrepresentadas nos espazos máis importantes de toma de decisións do eido local”, tendo en conta que neste período non hai ningunha presidenta de deputación provincial en Galicia.

Avanzouse tamén no caso das concelleiras e das deputadas provincias, cun 40% e un 36% respectivamente. Aínda así, os concellos galegos comprométense a “seguir dando pasos firmes cara a igualdade” neste período ata as próximas eleccións municipais. Por iso, promoverán “a participación activa das mulleres na vida política e social local, mediante accións de sensibilización, capacitación e fomento do liderado feminino que permitan acadar a paridade nas corporacións e nas alcaldías”, ademais de “incorporar a perspectiva de xénero en todas as nosas políticas e programas, garantindo que se tomen en conta as necesidades e realidades específicas de mulleres e nenas nas nosas accións”, entre outras iniciativas.

Nesta liña,  a FEGAMP ten prevista a celebración da xornada “Pioneiros. Políticas de Igualdade nos concellos galegos. Concellos galegos na vangarda das políticas de igualdade” o vindeiro martes 27 de febreiro, na que intervirán as alcadesas de Salceda de Caselas, Pobra de Trives, Folgoso do Caurel, Cee, Bergondo e Tomiño. Tamén participarán a secretaria de Estado de Igualdade, Aina Calvo e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Ribo. Tamén está prevista intervención da ex secretaria de Estado de Igualdade, Laura Seara, e as ex secretarias xerais de Igualdade, Carme Adán e Susana López Abella.

Comisión Executiva FEGAMP 20240220