Os concellos con GES abren un proceso para avaliar os convenios reguladores coa Xunta de Galicia

Data: 

martes, 30 Abril, 2024 (Todo o día)

A FEGAMP e os concellos fixarán unha posición común para achegala á Comisión de Seguimento coa Xunta de Galicia

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2024.- Esta mañá, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrou unha xuntanza de traballo cos concellos con Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES).

Esta xuntanza é un primeiro paso de traballo en común na avaliación dos contidos e da aplicación dos convenios reguladores dos GES, así como das incidencias xurdidas. Estes convenios rematan a súa vixencia neste ano polo que cumpre valorar en común como avanzar nas posibilidades de xestión e intervención destes organismos.

O presidente da FEGAMP, Alberto Varela, introduciu a xuntanza destacando a necesidade de dotarse dunha posición común de mellora entre todos os concellos para poder achegala na xuntanza da Comisión de Seguimento coa Xunta de Galicia que aínda está sen convocar. Nesa xuntanza a FEGAMP estará representada por Héctor Corujo, vicepresidente primeiro da FEGAMP e alcalde do Incio, que tamén asistiu á xuntanza, e por Alfredo García, alcalde do Barco de Valdeorras e ex-presidente da FEGAMP.

Nas intervencións dos concellos asistentes destacaron as mencións sobre a insuficiencia do financiamento que non cubre o custo do servizo e a necesidade de determinar mellor as funcións dos GES no seu labor.

Por iso, durante este mes de maio se recabará información dos concellos, con especial atención as achegas económicas que cada concello ten que facer na xestión do seu GES, e a final de mes se celebrará unha nova xuntanza na que concretar as cuestións para esa posición común que levar á Comisión de Seguimento.

Na xuntanza de hoxe participaron os alcaldes e alcaldesas de Avión, O Barco, Brión, Cartelle, Castro Caldelas, Curtis, Folgoso do Courel, Gondomar, O Grove, A Gudiña, Laza, Lalín, Muíños, Muros, Ortigueira, Padrón, A Pontenova, Quiroga e A Veiga. Tamén participaron concelleiros, concelleiras e representantes dos concellos da Guarda, Monterroso, Noia, Ponteareas, Ponteceso, Sanxenxo; ademais do deputado provincial da Coruña, Antonio Leira.

Xuntanza da FEGAMP e os concellos con GES