Os Concellos buscan fórmulas para impulsar a economía circular en Galicia

Data: 

martes, 5 Abril, 2022 (Todo o día) a mércores, 6 Abril, 2022 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias e Foro de Intercambio de Coñecemento sobre Residuos e Economía Circular (FIREC)  da Universidade da Coruña crean o  Foro Galego Local de Economía Circular (FOGALEC), un espazo de coñecemento e traballo para avanzar dende o eido municipal na transformación do actual modelo de produción e consumo cara a un sistema máis sostíbel.

Co fin de facilitar o intercambio de experiencias, boas prácticas e coñecemento  entre as entidades locais galegas e os expertos na materia, FOGALEC desenvolverá sesións periódicas.  Na súa primeira xuntanza celebrada os días 5 e 6 de abril, que contou con 113 asistentes, analizouse a Lei de residuos e solos contaminados e prestouse especial atención a problemática dos envases. Están previstos novos encontros en xuño, setembro e novembro.

Máis aló dos encontros de debate, FOGALEC  ten natureza permanente, de xeito que o traballo de cotío permita afondar na fiscalidade dos refugallos e identificar as necesidades e prácticas precisas en cada momento nos diversos eidos de actuación segundo as normas.

O Foro será unha plataforma para a divulgación de coñecemento e resposta a problemas comúns na xestión local dos residuos.  Nesa liña a Fegamp  abre na súa web un espazo específico para o FORO, no que ademais da axenda e previsións, ponse a disposición un fondo documental co documentos das diversas normativs, proxectos, estratexias e calquera informe na materia de interese.