Os concellos aumentarán a vixilancia do cumprimento das medidas anti COVID-19

Data: 

martes, 22 Decembro, 2020 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias trasladou o compromiso dos concellos para procurar o desfrute das festas do Nadal coa máxima seguridade. Na reunión mantida esta maña cos responsables da Xunta de Galicia, a Delegación do Goberno e de distintos Corpos policiais da nosa comunidade, Alberto Varela garantiu que os concellos aportarán todos os medios dispoñibles e puxo en valor a predisposición dos e das axentes das Policías Locais para enfrontar o sobreesforzo das vindeiras.

O presidente da Fegamp solicitou unha coordinación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado similar á disposta coa declaración do estado de alarma, para que, do mesmo xeito que as Policías locais serviron de apoio ás outras forzas neses instantes, reciban agora un reforzo máis necesario se cabe xa que “a situación é moito máis complexa” e os recursos humanos da administración local “seguen a ser os mesmos e despois destes meses sufren un considerable desgaste”.

Na reunión acordouse priorizar e adecuar ás actuacións segundo os diferentes contextos, horarios e localizacións, se ben Alberto Varela sinalou que “a colaboración cidadá será imprescindible e determinante” xa que “o número de persoas a controlar é moito maior que os axentes das Policías Locais”  e este días favorecen un “contacto social” que pode dar “moitas alas ao coronavirus”.