Os concellos aportarán todos os medios posibles para controlar o cumprimento de medidas COVID19 na hostalaría

Data: 

mércores, 24 Febreiro, 2021 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias achegou as súas aportacións para mellorar o plan de seguridade na hostalaría proposto pola Xunta de Galicia.
Durante a reunión mantida ao longo desta mañá con representantes das tres administracións do Estado, o presidente da Fegamp, Alberto Varela, garantiu o compromiso dos concellos de aportar todos os seus medios, se ben sinalou a necesidade de concretar máis os mecanismos de coordinación e apoio ás policías locais dos concellos galegos (2.290 axentes en total) para os máis de 20.000 establecementos de hostalaría (13.355 establecementos de bebidas) da nosa comunidade.

Entre as suxestións trasladas na reunión está contemplar diversas modalidades de actuacións, que segundo os medios dispoñibles en cada localidade, o grao de incumprimento e as particularidades de cada concello, desenvolveranse periodicamente, con intervencións por sorpresa ou por planificación de áreas entre outras opcións.

Ao longo desta tarde as tres administracións traballarán en base a un documento para concretar o plan definitivo. Varela recalca a mensaxe: “as posturas están moi claras e toda a cidadanía debe ter claro que os concellos empregarán todos os recursos posibles  para acadar unha desescalada o máis segura posible”.