Os concellos aportarán a fórmula para axudar á hostalaría e turismo en 48 horas

Data: 

xoves, 21 Xaneiro, 2021 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias estudará o modelo de axudas á hostalaría da Comunidade Valenciana proposto hoxe na reunión convocada polo Clúster de Turismo para ver cal pode ser a aportación das entidades locais.

Se ben a Fegamp leva a solicitar á Xunta de Galicia esta reunión dende o 5 de maio do ano pasado e non foi convocado nas previas reunións entre o Goberno Galego e o Clúster de Turismo, a Federación comprometeuse a facer todo o posible para que a asfixia dos empresarios non se prolongue e levará unha proposta do municipalismo este mércores.

O presidente da Federación, Alberto Varela puxo en marcha esta labor nada máis rematar a reunión do día de hoxe xa que “o ideal sería contar cunha proposta concreta pero non traballamos sobre un documento, falamos do que se está a facer en outra comunidade autónoma, pero quedan moitas cousas por definir”. Consciente de que o tempo é fundamental para os empresarios, a Fegamp comprometeuse e levar en 48 horas unha proposta para ver como adaptar o plan da Comunidade Valenciana á realidade galega.

Un dos puntos que non se esclareceron durante a reunión é que sucedería cos hostaleiros dos municipios que non poidan aportar diñeiro ao fondo, os requisitos para acceder a ditas axudas ou o procedemento para tramitar o fondo.

Varela lembrou que moitos concellos levan meses a conceder axudas directas aos empresarios e eximindo ou reducindo o pago de taxas e impostos. Subliñou que ditas axudas saen dos orzamentos ordinarios dos concellos, que non recibiron “nin un euro dos fondos extraordinarios habilitados pola COVID” como si recibiron as entidades locais noutras comunidades autónomas, pero garantiu que os hostaleiros e todos os pequenos negocios das localidades galegas poderán contar coa administración local porque “os alcaldes vemos o están a pasar os nosos veciños”