Data:
O presidente da FEGAMP mantivo hoxe unha xuntanza coa alcaldesa de Narón sobre este asunto
Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2024.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, mantivo hoxe unha xuntanza coa alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e co concelleiro de Facenda, Román Romero, para abordar a situación do servizo de “madrugadores” nos centros de ensino de Narón.
Marián Ferreiro expuxo que para Narón é un gran problema que o servizo de “madrugadores” continúe a “depender das asociacións de nais e pais da alumnas/os, soportando uns custos que tiñan que ser asumidos pola Xunta de Galicia, como administración pública competente desta materia”.
A alcaldesa de Narón sinalou que “a Consellería de Educación segue sen facerse cargo deste servizo, imprescindible para moitas familias, e con grave risco de non poder ser mantido nas actuais condicións no vindeiro curso”. E dende o concello non poden facerse cargo deste servizo por non ser competentes e polo indicado nos informes da Intervención do concello de que exercer novas competencias ou asumir novos servizos “pon en risco á facenda local a superar a capacidade de financiamento dos compromisos de gasto dentro dos límites de déficit, débeda pública e morosidade comercial que establece a lexislación de estabilidade orzamentaria”.
Ferreiro salientou que ten solicitado poder xuntarse con conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para abordar esta cuestión, sen haber obtido resposta aínda.
Pola súa banda, o presidente da FEGAMP confirmou que este asunto xa está incorporado dentro dos traballso da comisión técnica da delimitación de competencias local e autonómica, que conseguiuse abrir pola presión dos concellos galegos diante da Xunta de Galicia polo déficit de 600 millóns de euros provocado aos concellos por ter que asumir competencias da Xunta, e que debe retomar con urxencia os seus traballos, ralentizados pola convocatoria das eleccións galegas do pasado 18 de febreiro.