Data:

O presidente da FEGAMP considera urxente poder manter unha reunión coa conselleira de Política Social para retomar a colaboración iniciada en marzo de 2022 coa sinatura do Acordo Marco para o desenvolvemento do Plan de Investimentos para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais públicos municipais.
“Na selección de proxectos do Acordo Marco de 2022 os criterios aplicados foron transparentes e constan no texto asinado e nas actas das xuntanzas celebradas. Agora só tense a información a través dos medios de comunicación”.
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2026.- O anuncio do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e as informacións posteriores da conselleira de Política Social, Fabiola García, sobre o proxecto de residencias de maiores polo que se van construír 25 novos centros creando 1.800 novas prazas, “están a crear unha situación de opacidade e confusión sobre os criterios aplicados, e de decepción nos concellos que volven a quedar sen esta importantísima dotación sen coñecer os motivos” valorou o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela.
Por este motivo, Varela considerou urxente poder manter unha reunión coa conselleira para retomar a colaboración iniciada en marzo de 2022 coa sinatura do Acordo Marco para o desenvolvemento do Plan de Investimentos para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais públicos municipais.
Entre 2022 e 2023, este Acordo Marco permitiu xestionar 18.5 millóns de euros do Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia para mellorar a rede de residencias, centros de día, vivendas comunitarias ou centros sociais, prioritariamente, en concellos de menos de 20.000 habitantes e que carecesen destas dotacións.
Despois da sinatura, celebráronse 10 xuntanzas entre a FEGAMP e a Consellería de Política Social, nas que se avaliaron os 99 proxectos recibidos e se decidiu o reparto das axudas entre os 24 proxectos seleccionados para a construción de residencias, fogares residenciais, centros de día e centros sociais.
O presidente da FEGAMP confirmou que “na selección dos proxectos do Acordo Marco de 2022 os criterios aplicados foron transparentes e constan no texto asinado e nas actas das xuntanzas celebradas. Agora, só tense a información a través dos medios de comunicación.”
Os concellos tiveron que achegar os terreos e demostrar a viabilidade técnica e económica do proxecto, xa que as contías das axudas foron limitadas (1.200.000 euros para a construción dunha residencia, 400.000 no caso dun centro social, 600.000 euros para as reformas dos centros de día ou 250.000 en melloras de centro sociais), tendo que asumir o resto dos custos e do mantemento.
Atendendo ao criterio poboacional, todos os proxectos seleccionados foron de concellos con menos de 2.300 habitantes. Sendo unha partida económica limitada, non puideron ser atendidos proxectos de concellos que non contaban con ningunha dotación social.
Por todo o anterior “sorprende que non se pedise colaboración á FEGAMP para este proceso, e que non se tivera en conta na selección aos concellos que o solicitaron en 2022 e que non foron seleccionados” sinalou Alberto Varela.






Sede Electrónica