O presidente da FEGAMP sinala a necesidade de axilizar a delimitación de competencias entre a Xunta e os concellos

Data: 

xoves, 4 Xullo, 2024 (Todo o día)

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2024.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela, mantivo hoxe unha xuntanza co voceiro do Grupo Parlamentario Socialista e secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, na que avaliaron a situación das políticas municipais en relación coa delimitación das competencias y do financiamento entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP en representación dos concellos galegos.

Alberto Varela aproveitou o encontro co principal responsable socialista para salientar que “a situación empeza a ser desesperada e cada día que pasa se agrava máis; esperemos que a Xunta de Galicia reaccione y sexa sensible ás necesidades dos concellos galegos”.

Concretamente, Varela destacou que teñen que axilizarse os traballos para a “concreción da delimitación de competencias entre concellos e Xunta de Galicia, tanto en responsabilidades como no financiamento correspondente, con especial atención do SAF”, lembrando que hai en marcha unha mesa de traballo e  lamentando que "no haxa avances" e que "non pode ser que os concellos sigamos sacando as castañas do fogo  a outras administracións e  sexamos o caixón desastre das competencias “.

Sobre o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), Varela criticou que estean sendo sancionados concellos por non poder facer fronte ao custo das horas de atención á dependencia, sendo "sorprendentemente que nestes días estean chegando estes expedientes sancionadores a concellos pequenos” xa que “levamos tempo dicindo que están afogando aos concellos con este servizo que debe ser financiado ao 100% pola Xunta e o Estado". A realidade é que son os concellos os que "máis diñeiro poñen enriba da mesa" para financiar este servizo.

Para o presidente da FEGAMP é unha obriga dar cumprimento ao Pacto Local asinado en 2006 entre FEGAMP e Xunta de Galicia e aos compromisos que aínda seguen pendentes, como son os gastos dos Centros de Primaria, de Saúde, os Conservatorios, para poder avanzar cara un novo Pacto Local en Galicia. "Apenas houbo avances", destacou Varela.

O presidente da FEGAMP tamén reclamou o incremento do Fondo de Cooperación Local xa que "é una obriga constitucional que a Xunta financie aos concellos e ten que aumentar os cartos destinados a ese fondo, como está a facer o Estado”.

Por último, Alberto Varela indicou a necesidade da participación cualificada dos concellos galegos a través da FEGAMP no proceso de elaboración e discusión da anunciada nova Lei de Administración Local de Galicia, debendo ser as entidades locais  partícipes na toma de decisións e na  elaboración das leis que finalmente lles van afectar.
 

Xuntanza do presidente da FEGAMP co voceiro do Grupo Parlamentario Socialista