O presidente da Fegamp reúnese coa DX de Patrimonio Natural para abordar temas relacionados coa nova Lei de Pesca

Data: 

mércores, 29 Maio, 2019 - 10:00

Santiago de Compostela, 29 d emaio de 2019.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, reuniuse  coa directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, para analizar o contido e as principais novidades do anteproxecto da Lei de Pesca Continental, que desde comezos de maio atópase en período de información pública.

A directora de Patrimonio Natural indicou que co fin de facilitar o bo estado das ribeiras e dos cursos fluviais, o anteproxecto prevé a axilización e a simplificación dos trámites necesarios para a execución de tarefas de mantemento e conservación nestas zonas. Así, explicou que os promotores dunha actuación menor, como pode ser a retirada de árbores mortas da ribeira ou da propia canle fluvial, ou a eliminación de entullo e elementos arrastrados polas correntes, xa non precisarán do informe preceptivo por parte da Consellería.

Esta filosofía simplificadora da futura Lei de Pesca Continental foi ben recibida polo presidente da Fegamp, partidario de acelerar a realización destas pequenas actuacións. Neste sentido, incidiu en que a situación dos ríos vese condicionada polas actuais trabas burocráticas para que as administracións competentes en cada caso acometan actuacións na súa contorna, polo que considerou positivo que a futura lei aborde este aspecto e apostar pola axilización dos trámites administrativos. No mesmo sentido, Alfredo García, defendeu a necesidade de achegar posturas entre as distintas administracións competentes para unificar criterios e procedementos en materia de permisos en todas as concas que discorren por Galicia.

Por outra banda, Belén do Campo tamén trasladou ao presidente que un dos principais obxectivos da futura normativa será fomentar e promover a pesca sen morte nos ríos galegos co fin de que este coexista co modelo tradicional extractivo. Ademais, esta modalidade pesqueira, tamén axudará a atraer ás novas xeracións. Con este fin, precisamente, a responsable de Patrimonio Natural explicoulle a Alfredo García que o texto prevé varias medidas novas para incentivar a incorporación dos mozos ao mundo da pesca deportiva, como a posibilidade de que os mozos de ata 14 anos poidan desenvolver este tipo de actividade sen necesidade de licenza ou a exención do pago das taxas para sacala no caso dos pescadores que sexan menores de idade.

 Do Campo referiuse na reunión a outra das novidades incluídas na lei: a creación das chamadas escolas de río, co fin de implicar e educar aos máis pequenos na conservación dos ecosistemas acuáticos continentais. Estas escolas enmarcaranse dentro dunha Estratexia galega de Educación Ambiental para fomentar a formación e a participación de pescadores noveis en todo o relacionado co mundo da pesca deportiva. Pola súa banda, Alfredo García coincidiu na oportunidade de poñer en marcha novas ferramentas que faciliten a substitución xeracional nun sector tan importante e emblemático para a comunidade, e lembrou que a pesca continental é unha actividade que conta con numerosos seguidores e cunha gran tradición en moitos concellos galegos.