O municipalismo galego conmemora o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da violencia contra as mulleres: “A voz das Mulleres non se apaga”

Data: 

domingo, 16 Novembro, 2025 (Todo o día)

A FEGAMP vai celebrar un acto público este martes 18 de novembro en “Área Central” no que intervirán a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín e o seu presidente, Alberto Varela

Tamén actuará a cantareira Leni Pérez, que presentará unha composición alusiva contra a violencia que padecen as mulleres

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2025.- O municipalismo galego vai conmemorar cunha posición común o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, en forma de declaración institucional recentemente aprobada pola Xunta de Voceiros e Voceiras da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

Esta declaración institucional vai ser presentada nun acto público no que intervirán a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e o presidente da FEGAMP, Alberto Varela, que lerá a declaración institucional.

Ademais, o acto contara coa actuación da cantareira Leni Pérez, que presentará unha composición alusiva contra a violencia que padecen as mulleres.

O acto vai celebrarse o vindeiro martes 18 ás 11:00 horas en “Área Central” na zona da entrada da rúa Varsovia, e tamén asistirán os alcaldes e alcaldesas que forman parte da Comisión Executiva da FEGAMP, ademais de toda xente que queira achegarse a presencialo.

No acto tamén se presentará a imaxe da FEGAMP para conmemorar este 25N baixo o titulo “A voz das Mulleres non se apaga”. Os 313 concellos e as 4 deputacións xa dispoñen de esta imaxe para difundila, e tamén da declaración institucional, que está a ser aprobada nos plenos dos concellos.

O texto da declaración reafirma “o rexeitamento e condena unánime á violencia machista que sofren as mulleres” e “o compromiso firme e irrenunciable para poñer fin á violencia contra as mulleres” do municipalismo galego, sendo “concellos e deputacións galegas conscientes da urxencia de erradicar unha violencia que, polo feito de ser mulleres, continúa a ser estrutural na nosa sociedade.”

“Condenamos cada acto, a cada agresor, e tamén a quen nega, minimiza ou xustifica a existencia desta violencia. O negacionismo non só fere a memoria das vítimas, senón que desprotexe ás que sofren e debilita o compromiso social necesario para combatela” enfatiza a declaración da FEGAMP que, ademais, destaca que “negar ou relativizar a violencia machista é contribuír á súa persistencia, e fronte a iso as institucións galegas deben manterse firmes, unidas e comprometidas”.

Polo anterior, o conxunto de municipalismo galego, “alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras, así como todo o persoal municipal, póñense a carón das vítimas e das súas familias para dicirlles que non permitirán que se vulnere o principio de igualdade nin se normalice esta violencia, un crime contra os dereitos humanos que nos empobrece como sociedade”, e na súa representación, a FEGAMP “quere recoñecer o compromiso da cidadanía galega na loita contra a violencia machista, animando a actuar con unidade e a rexeitar con firmeza os comportamentos violentos e a quen os ampara”, garantido ás mulleres nesta loita contra a violencia que padecen “non están soas; nin hoxe nin nunca”.