“O monte que produce non se queima” Alfredo García presidente da Fegamp

Data: 

luns, 26 Marzo, 2018 - 16:00
O presidente da Fegamp comparece na comisión de incendios no Parlamento

Santiago de Compostela, 26 de Marzo 2018.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), participou na tarde de hoxe na Comisión de Análise dos Incendios, a través dunha comparecencia do seu presidente no Parlamento de Galicia. Alfredo García puxo enriba da mesa diferentes cuestións básicas para entender a problemática dos incendios e aportou tamén algunhas pistas para conseguir avanzar neste eido.

En primeiro lugar García centrou o seu discurso na imposibilidade que teñen os municipios para manter limpas as franxas de protección pola incapacidade económica e técnica que teñen os concellos para facer cumprir a lei de forma rigorosa: “a problemática tamén está no ámbito xurídico xa que a grande cantidade  de denuncias e de expedientes e a súa xestión administrativa é unha realidade que os alcaldes e alcaldesas non poden solucionar xa que no caso de poñer en marcha todos eses expedientes deixaría aos concellos paralizados administrativamente”. Neste punto o máximo representante da Fegamp valorou positivamente as medidas postas en marcha a través da lei de acompañamento dos orzamentos aínda que asegurou que “con iso so non é suficiente”.

O presidente da Fegamp asegurou no seu discurso que el non tiña a solución definitiva: “creo que non hai unha solución definitiva, e tampouco hai unha solución a curto prazo, pero o camiño a percorrer pasa de seguro pola ordenación do territorio a través dun Pacto de Estado no que sentarnos e chegar a acordos duradeiros e consensuados” e propuxo a metodoloxía de ensaio-erro para ir testeando e descartando as medidas postas en marcha para mellorar. A intervención de Alfredo García puxo de manifesto po sentir dos alcaldes e alcaldesas galegas de que o problema non é a extinción senón a prevención: “e non falamos da roza dos montes senón de grandes obxectivos en materia de prevención de incendios como son o de poñer en valor o monte en Galicia xa que para nós, monte que produce non se queima”, concluía García.