Data:
A xuntanza mantida hoxe entre a FEGAMP e Sogama serviu para confirmar que a Xunta de Galicia xa orzamentou 12,1 millóns de euros para 2024 por este imposto
Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2024.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrou na súa sede a xuntanza con Sogama para abordar cuestións relativas á xestión dos residuos municipais e a aprobación da contía do canon unitario por tonelada para 2024.
A xuntanza foi solicitada polo presidente da FEGAMP, Alberto Varela, o pasado 4 de xuño despois de que xurdiran novas sobre a posible suba do canon que pagan os concellos, que foron confirmadas pola información transcendida pola propia dirección de Sogama despois de celebrarse o seu último consello de administración.
Na xuntanza, Alberto Varela adiantou que dende a FEGAMP se está a estudar toda a documentación recibida así como outra información relativa aos impostos sobre os que Sogama soporta a xustificación da suba do canon, sendo esta xuntanza parte do proceso de toma de posición da FEGAMP que culminará coa celebración de Voceiros e Voceiras o vindeiro martes 9 de xullo.
Sobre os argumentos esgrimidos por Sogama para xustificar a suba do canon está a aprobación do imposto sobre o depósito de residuos en vertedoiros, a incineración e a coincineración de residuos, regulado no capítulo II da Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular.
Recentemente, a FEGAMP puido coñecer que a través da Lei 36/2022, do 27 de decembro, pola que se modifica a Lei 17/2010, do 16 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e condicións da devandita cesión publicada o 28 de decembro de 2022 no seu Artigo único de Modificación da Lei 17/2010, do 16 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e condicións da devandita cesión, materializouse a cesión do Imposto sobre o depósito de residuos en vertedoiros, a incineración e a coincineración de residuos, pola que a Comunidade Autónoma de Galicia ten previsto ingresar 12.150.039 €.
Na información elaborada por Sogama cítase que unha das razóns para o incremento do canon é este Imposto estatal ao vertido e a incineración, polo que se estima que Sogama terá que pagar 9,1 millons de euros.
Ante isto, na xuntanza se solicitou aclaración sobre esta controversia, sendo confirmado polos representantes de Sogama y da Xunta que o rendemento deste Imposto foi cedido á Comunidade Autónoma de Galicia, polo que o ingreso irá integramente ao accionista maioritario de Sogama, que é a Xunta de Galicia, e polo que xa orzamentou 12,1 millóns de euros para 2024.
Polo anterior, parece claro que a suba do canon aos concellos prevista por Sogama non pode xustificarse deste xeito, como tampouco parce correcto falar de que “a Xunta de Galicia achegará 9 millóns de euros a través do Fondo de Cooperación Local adicional co fin de minimizar o impacto da medida sobre as entidades locais”, cando o FCL é o financiamiento que reciben os concellos dos ingresos da Comunidade Autónoma de Galicia previsto no artigo 142 da Constitución Española e no artigo 331 da Lei 5/1997 de Administración Local de Galicia.
Despois da xuntanza e das confirmacións obtidas, dende a FEGAMP se vai seguir traballando no estudo da xestión dos residuos municipais e a aprobación da contía do canon unitario por tonelada para 2024, co obxectivo de evitar unha nova carga económica aos concellos galegos na defensa dos seus intereses e da súa cidadanía.