O Goberno prepara unha moratoria na implantación do quinto contedor

Data: 

mércores, 3 Novembro, 2021 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias trasladou ao Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico a dificultade das Entidades Locais para cumprir os prazos que establece o Proxecto de Lei de Residuos e Solos Contaminados respecto á instalación do quinto contedor para a recollida selectiva de biorresiduos.

Nunha reunión mantida por videoconferencia, o presidente da Fegamp, Alberto Varela sinalou a imposibilidade de chegar a tempo, nalgúns casos, mesmo pola propia normativa en materia de contratación pública. O director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do MITECO, Ismael Áznar Cano, informou ao presidente da Fegamp que o Goberno ampliará o prazo que tiñan os Concellos de máis de 5.000 habitantes en seis meses, de xeito que a obriga para teren implantado o quinto contedor non sería a finais de 2021 senón en xuño de 2022.

Inquedanza polo aluvión de proxectos eólicos

Alberto Varela aproveitou a xuntanza para trasladar a inquedanza de alcaldes e alcaldesas ante a gran cantidade de solicitudes para levantar parques eólicos na nosa terra.

O presidente da Fegamp acordou convocar unha xornada informativa na que responsables do Ministerio poidan aclarar dúbidas, xa que ante as ducias e ducias de proxectos dependentes ben do Plan Sectorial Eólico da Xunta de Galicia ben do  Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima, hai moito descoñecemento nun tema que afecta á ordenación territorial municipal, que require a intervención da Administración Local e que preocupa aos veciños e veciñas.