Data:

Video-resumo do Foro Local de Turismo de Galicia
Máis de cen expertos de entidades locais e empresas do sector participan no Foro, que foi inaugurado polo presidente da FEGAMP, Alberto Varela, acompañado pola alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; por Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia; e por Alicia Lillo, subdirectora xeral adxunta de Desenvolvemento e Sustentabilidade Turística do Ministerio de Industria e Turismo
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2025.- A Federación Galega de Municipios de Provincias (FEGAMP) celebrou o Foro Local de Turismo de Galicia no que participaron máis de 100 persoas responsables políticas e técnicas de turismo e fondos europeos de concellos e deputacións, e a xerentes e técnicos de empresas e asociacións sectoriais relacionadas coa actividade turística.
Entre as persoas participantes estiveron os alcaldes e alcaldesas de Barreiros (Ana Ermida); de Cee (Margarita Lamela); de Cuntis (Manuel Campos); de Maceda (Uxía Oviedo); da Laracha (José Manuel López); de Laxe (Francisco Charlín), e de Oleiros (Ángel G. Seoane). Tamén están participando como intervenientes Xosé Regueira (vicepresidente da Deputación da Coruña) e Ángel Tarrío (director xeral de Cohesión Social e fondos Europeos da Xunta de Galicia.
A inauguración do Foro contou coa participación da alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; de Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia; de Alicia Lillo, subdirectora xeral adxunta de Desenvolvemento e Sustentabilidade Turística do Ministerio de Industria e Turismo; e do presidente da FEGAMP, Alberto Varela.
Na súa intervención, o presidente da FEGAMP salientou que “dende o municipalismo galego representado pola FEGAMP poñemos en marcha este foro co obxectivo de analizar a profunda transformación turística na que está inmersa a Unión Europea que, a través dos fondos Next Generation, busca minimizar os impactos negativos no medio ambiente e nos eidos locais, e garantir beneficios a longo prazo” tendo en conta que “en Galicia o turismo representa entorno ao 11% do PIB e representa a actividade principal en numeroso concellos.
Alberto Varela fixo fincapé sobre que “neste período 2022-2026 mais de 35 entidades locais galegas están a xestionar Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD), dentro do compoñente 14 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado con Fondos Next Generation cara un modelo de xestión turística sostible, eficiente e consciente” sendo as entidades locais “quen está a liderar esta mobilización de fondos histórica con máis de 100 millóns de euros no caso de Galicia, inmersas na fase de execución final dos plans e programas coa vista posta en xuño de 2026, para ter a totalidade dos fondos executados”.
Varela destacou que este Foro “vai abordar a mellora da gobernanza, nas actuacións destinadas a sustentabilidade do sector turístico, na calidade dos servizos que prestamos ou e na posta en valor dos recursos locais destinados a crear unha oferta desestacionalizada, que é un dos grandes retos de Galicia como destino” poñendo en valor “o traballo das entidades locais que garanten que haxa abastecemento de auga, recollida de lixo, servizos de protección civil, socorristas en praias e piscinas, museos con experiencias interactivas ou espazos adaptados á accesibilidade universal”.
Alberto Varela sinalou que aínda quedan dificultades por resolver na xestión administrativa dos proxectos e dos fondos que dende as entidades locais se afrontan dende “o compromiso de executar de forma rigorosa e, sobre todo, de contribuír a mellorar de maneira substancial os servizos, os equipamentos e os produtos turísticos que as persoas visitantes desfrutan nos nosos concellos”.
O presidente da FEGAMP concluíu resaltando a importancia deste foro tamén polo interese xerado, adiantando o compromiso da FEGAMP de celebrar próximas edicións.
De seguido, o Foro deselvolveu tres mesas temáticas co participación de responsables políticos e técnicos de entidades locais e de asociacións sectoriais. Na primeira mesa abordouse o desenvolvmento turístico local dende a perpectiva de gobernanza público-privada e competitividade, que foi presentada e moderada por Ana Trevisani (presidenta de OPC Galicia), e que contou coas intervencións de Mauricio Repetto (concelleiro de Dinamización Económica de Lugo); Romina Fernández (directora de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra); Jesús Picallo (vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia) e de Emma González (xerente de Inorde da Deputación de Ourense).
A xestión local do turismo e a calidade dos servizos foron tratadas pola segunda mesa, que foi presentada e moderada por Uxía Oviedo (alcaldesa de Maceda) e contou coas intervencións de Ana Ermida (alcaldesa de Barreiros e vicepresidenta da Mancomunidade de concellos da Mariña); Fátima Cachafeiro (xerente da Mancomunidade Barbaza-Arousa) e de David Castro (presidente da Mancomundiade do Salnés).
As boas prácticas de turismo sustentable no contexto dos fondos NextGenerationEU foron valoradas pola terceira mesa, moderada e presentada por Eva Gil (directora de proxectos de AD Galicia Sureste Eurural), e que contou coas intervencións de Fé Álvarez (xerente do GDR Montes e Vales Orientais) sobre o programa Experiencias: de Xosé Regueira (vicepresidente da Deputación da Coruña) sobre o PSTD Xeoparque Cabo Ortegal; de Alexanda Seara (xerente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra) sobre o PSTD Ribeira Sacra-Courel, e de Ana Núñez (concelleira de Turismo de Tui) sobre o PSTD do Casco Histórico de Tui.
As principais conclusións dos traballos destas mesas foron:
- Reforzar a gobernanza entre as administracións públicas no eido da xestión e da promoción.
- Importancia de involucrar ao sector privado (as empresas locais) na creación e comercialización de produtos turísticos.
- Importancia de manter a autenticidade dos destinos mediante a posta en valor dos recursos locais e a implicación da comunidade local.
- A necesidade de planificación e procura de solucións de financiamento para o incremento de gasto en servizos básicos nos concellos (auga, recollida de lixo, etc.) asociados a o turismo.
- A importancia de garantir o mantemento e viabilidade futura dos produtos e servizos que se están creando, especialmente no eido das TIC, máis alá do horizonte NEXTGENERATIONEU.
- A total interiorización da importancia da sostibilidade na xestión turística.
- A búsqueda de oportunidades de xeración de emprego e consolidación de poboación a través da actividade turística (plans da Ribeira Sacra, do Xeoparque Cabo Ortegal, da Mariña e do GDR Montes e Vales Orientais).
- As problemáticas na xestión pola burocracia e falta de dilixencia nas tramitacións de autorizacións sectoriais.
-A necesidade de tratar outros aspectos da xestión turística desde o eido local en vindeiras edicións para mellorar o coñecemento e establecer alianzas.
O Foro rematou coas intervencións de peche da secretaria xeral da FEGAMP, Patricia Vilán, e do director xeral de Cohesión Social e Fondos Europeos da Xunta de Galicia, Ángel Tarrío.

Sede Electrónica










