O Consello Federal traslada o debate sobre o superávit á Comisión Executiva extraordinaria

Data: 

mércores, 22 Xullo, 2020 (Todo o día)

 A Federación Galega de Municipios e Provincias convocará unha Comisión Executiva extraordinaria para consensuar un documento coa postura dos concellos galegos respecto ás negociacións entre a FEMP e o Ministerio de Facenda para o uso do remanente e superávit.

No Consello Federal da Fegamp celebrado o día de onte, recordáronse as directrices da derradeira Asemblea Xeral do mes de novembro, máximo órgano de goberno da entidade cuxas directrices non poden ser revocadas por un estamento inferior. Dita Asemblea consensuou requirir unha reforma da lei de estabilidade financeira nos aspectos que afectan ás entidades, así como instar a un relaxamento no uso do remanente e superávit.

A redacción do comunicado oficial do Consello Federal non acadou consenso ao disentir un dos voceiros, polo que o presidente convocará unha Comisión Executiva extraordinaria.

Ademais de abordar este tema e aprobar o orzamento anual da Fegamp, o Consello Federal analizou a situación das entidades locais ante a pandemia. Neste sentido, a principal inquedanza dos concellos  é a imposibilidade de asumir as funcións que se lles está a encomendar, especialmente as esixencias no eido educativo. A administración local non recibiu ningunha inxección económica directa para enfrontar os custos da pandemia. A Fegamp solicita á Xunta de Galicia unha reunión para estudar o reparto de competencias e o financiamento das mesmas.