O Centro de Innovación, Emprendemento e Participación Social (CIEPS) vai poñer en marcha un banco de vivendas en aluguer dende a sede do GDR3 en Baleira

Data: 

mércores, 19 Xullo, 2023 (Todo o día)

Baleira (Lugo), 19 de xullo de 2023. Os traballos do Centro de Innovación, Emprendemento e Participación Social (CIEPS) van comezar coa creación dun banco de vivendas en aluguer na comarca de Montes e Vales Orientais. Para iso, vaise traballar na promoción da dispoñibilidade de vivenda de alugueiro, que permita a permanencia da xente nova e o asentamento de xente de fóra, mediante un plan específico de retención, captación e integración no territorio.

Esta é a principal liña de traballo definida na xuntanza celebrada entre a Federación Galega de Municipios e  Provincias (FEGAMP) e o Grupo de Desenvolvemento Rural “Montes e Vales Orientais” (GDR3), coa que se puxo en marcha o CIEPS, dentro do previsto no proxecto “Montes e Vales Orientais. Territorio Intelixente” impulsado pola FEGAMP e polo GDR3 “Montes e Vales Orientais” que xa foi presentado o pasado día 13 de abril en Ribeira de Piquín (Lugo).

Na xuntanza participaron a xerente do GDR3 “Montes e Vales Orientais”, Fe Álvarez, e  as responsables técnicas do proxecto pola banda de FEGAMP, Lucía González e María Lamelas, xunto co persoal técnico contratado para o desenvolvemento do proxecto, que ao rematar a xuntanza salientaron que “se vai crear unha aplicación web asociada á web do GDR3, aproveitando que é un medio consolidado no territorio, para acoller dixitalmente o banco de aluguer e tamén canalizar as demandas de vivenda”.

Tamén anunciaron a celebración en setembro dunha xuntanza coas alcaldías da zona para coordinar o labor de prospección de vivenda.

Ademais, dende o CIEPS xa comezou a atención ás consultas das persoas da zona interesadas en emprender, acceder a axudas públicas e outras iniciativas.

Máis adiante comezarán cos traballos para o deseño e implantación do proxecto piloto de vídeo asistencia socio-sanitaria a maiores, que ofreza novos servizos ás persoas maiores da zona, que lles permita estender a súa estancia no seu domicilio cunha adecuada calidade de vida, e dinamizar económica e demográficamente o territorio xerando emprego entre a poboación máis vulnerable en materia laboral (mocidade, mulleres, persoas migrantes e desempregadas de longa duración).