O 40% das solicitudes municipais de obras en bens patrimoniais serán xestionados polos concellos

Data: 

mércores, 24 Xaneiro, 2018 - 10:00

Santiago de Compostela 24 de Xaneiro 2018.- Esta mañá tiña lugar na Cidade da Cultura a “xornada informativa sobre Tramitación Administrativa de expedientes de bens patrimoniais” pola Consellería de Educación e a Federación Galega de Municipios e Provincias. Na xornada, inaugurada polo presidente da Fegamp, Alfredo García, e polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, un total de 260 técnicos en Patrimonio e arquitectos municipais puideron coñecer todos os detalles deste procedemento. A principal novidade é que os concellos poderán axilizar, coa da nova Lei de Patrimonio de Galicia recentemente aprobada os trámites administrativos e diminuír o tempo de espera na tramitación de licenza.
Isto levarase a cabo a través de convenios independentes entre a Consellería de Cultura e Ordenación Universitaria e os concellos de Galicia para proceder a habilitación municipal neste eido. O protocolo para promover a adhesión dos concellos ao convenio de habilitación foi firmado entre a Consellería de Cultura e Ordenación Universitaria e a Fegamp, froito da colaboración entre as dúas entidades, para axilizar os trámites e mellorar os tempos que se necesitan para levar a cabo obras en bens integrantes das súas contornas.
O presidente da Fegamp, Alfredo García, resaltaba que “este acordo é o resultado da confianza posta nos concellos nun tema tan sensible como é o patrimonio cultural pero tamén do compromiso dos concellos de manter nun estado mellor de conservación o patrimonio cultural, paisaxístico ou etnográfico de Galicia” Facía fincapé García en que “aínda haberá que seguir solicitando autorización para determinadas actuacións desde os concellos poderase agora dar luz verde a obras menores que axilizarán os tempos de execución”.
Segundo o presidente da Fegamp: “aproximadamente un 40% das solicitudes de obra que chegan aos concellos son para execución de obras menores como reposta de cubertas, provisión de redes de abastecemento, enerxía ou datos, arranxos de carpintería, etc., polo que a tramitación municipal facilitará a realización destas obras en menor tempo e cunha xestión máis áxil”.

Imaxes da xornada