Data:
- Un estudo da FEGAMP aborda a distribución dos Centros de Información á Muller (CIM) e o alcance en relación a poboación, tendo en conta as características xeográficas e demográficas de Galicia.
- O estudo sinala que os concellos que non teñen servizo específico de CIM se sitúan en zonas rurais, de difícil acceso e mal comunicadas, e están a gran distancia dos concellos que si dispoñen de CIM.
Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2023. O estudio realizado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) aborda diferentes dimensións da implantación e atención dos Centros de Información á Muller (CIM) e o seu alcance en relación a poboación e as características xeográficas e demográficas de Galicia. Sobre todo tendo en conta que os concellos que non teñen servizo específico se sitúan en zonas rurais, de difícil acceso e mal comunicadas, e están a gran distancia dos concellos que si dispoñen de CIM.
No actual contexto na que a loita contra a violencia machista ten que seguir a ser una constante en todas as políticas publicas ata a súa erradicación, dende FEGAMP sinálase a necesidade de mellorar a coordinación das administracións competentes para garantir unha atención adecuada en toda Galicia, e en especial, nas zonas rurais onde mais dificultades atópase, a tenor do que os datos sinalan.
Para FEGAMP o actual proceso de discusión no Parlamento de Galicia do proxecto de Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que xa dedica un apartado aos Centros de Información ás Mulleres (CIM), e unha oportunidade inmellorable para dotar da necesaria cobertura legal ao reforzo do labor dos CIM.
Da investigación do estudio conclúese que:
- 72% das mulleres galegas están cubertas por un servizo específico de CIM na súa localidade. A pesares de que en número a poboación feminina parece estar ben cuberta, se observamos a distribución por concellos un 77% non dispoñen dun servizo específico.
- A porcentaxe de municipios galegos que contan con servizo específico de CIM é a mesma que os que non dispoñen de ningún tipo de servizo específico. Este dato combinado coas cifras de poboación feminina cuberta revela que, a pesares de que a meirande parte das mulleres quedan cubertas, as mulleres que residen no 26% de municipios onde non hai ningún tipo de servizo específico quedan excluídas desta atención. Por outra banda, tamén resalta unha importante porcentaxe de concellos que se atopan dentro da área de influencia doutro CIM, é dicir, que tampouco dispoñen dunha cobertura óptima.
- A provincia de Pontevedra é a que presenta un maior porcentaxe de municipios con servizo e un menor porcentaxe de municipios sen servizo específico ou en área de influencia, seguida por A Coruña.
- No caso contrario atopamos as provincias máis rurais. O caso de Lugo é o que presenta máis problemas de cobertura, cun 21% de municipios sen servizo específico, unha porcentaxe superior ao dobre no resto de provincias, e un 18% que se atopan en área de influencia. Ourense tamén concentra unha importante porcentaxe de municipios sen servizo específico, aínda que en menor medida que Lugo. Tamén destaca que son a provincia que máis emprega os CIM de forma mancomunada.
- As provincias de Lugo e Ourense son as que presentan máis necesidade, pola alta concentración de municipios sen ningún tipo de servizos, especialmente en Lugo.
- Os municipios de entre 5.000 e 20.000 e os de menos de 5.000 habitantes presentan importantes deficiencias na cobertura de CIM, cun gran número de concellos sen servizo específico ou servizo estendido por área de influencia.
- Se observamos a distribución dos CIM segundo o tamaño do municipio apreciamos que, os sete municipios galegos de máis de 50.000 habitantes contan cun servizo específico, dos dezaseis que teñen entre 20.000 e 50.000 a maioría tamén teñen servizo específico aínda que tres deles van por área de influencia. Os resultados comezan a diversificarse a partir dos municipios de entre 5.000 e 20.000 habitantes, a maioría seguen a ter servizo específico ou son a cabeceira dun servizo mancomunado, aínda que 38 deles son zona de influencia ou non teñen servizo específico. Os municipios con menos de 5.000 habitantes rompen coa tendencia anterior, a inmensa maioría atópanse en área de influencia doutros CIM ou sen servizo específico, mentres que os que teñen un servizo específico ou mancomunado son unha minoría.
- Segundo os datos censuais dos municipios, o 70% das mulleres galegas contan cun servizo específico no seu propio concello, aínda que quedaría pendente facer unha análise cualitativa sobre a capacidade e recursos destes CIM para proporcionar unha atención correcta. Un 8% das mulleres quedan sen ningún tipo de servizo e un 17% só dispoñe de cobertura en área de influencia doutro concello, e temos que ter presente a área de influencia non sempre se atopa xeograficamente a unha distancia que permita desprazarse sen dificultades.