FEGAMP conmemora o Día do Orgullo LGTBIQ+

Data: 

mércores, 28 Xuño, 2023 (Todo o día)

A Fegamp, dentro do seu compromiso na construción dunha sociedade libre e garantista cos dereitos humanos e constitucionais, manifesta o seu apoio ás persoas LGTBIQ+ e se suma á histórica reivindicación de respecto á identidade que cada individuo sinte e conforme á cal decide vivir.

En pleno século XXI hai sectores da sociedade que seguen a negar un principio esencial: que ningún convencionalismo ou condición biolóxica pode estar por enriba da liberdade dunha persoa a ser quen e como queira ser. Fronte e esas mentalidades das que se nutren os discursos e delitos de odio, dende a Federación Galega de Municipios e Provincias facemos un chamamento á convivencia baseada na comprensión, empatía e concordia e, por suposto, a pór fin ás discriminacións, sinalizacións, desprezos ou calquera outra forma de maltrato psicolóxico ou físico.

O artigo primeiro da Declaración Universal dos Dereitos Humanos que proclama a liberdade e dignidade para todas as persoas polo mero feito de selo, resulta vulnerado en maior ou menor grado segundo o contexto. As veces estas violacións teñen resultados dramáticos. As leis e institucións axudan, pero é a sociedade no seu conxunto a que ten a capacidade real de conquistar e preservar os dereitos e benestar dos seus membros, e todos e todas xuntos debemos actuar para acadalo.

Con motivo do 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ que rememora os altercados nos que se levou a voz contra a opresión a estas persoas, a Fegamp insta ás entidades locais galegas e a todos os seus veciños e veciñas a sumarse a esta declaración e facer canto estea nas súas posibilidades por esta causa, e así:

 

- Condenar calquera discriminación ou atentado tanto físico coma verbal contra as persoas LGTIBQ+

- Procurar o benestar e respecto aos dereitos de calquera persoa, sexa cal sexa a súa identidade ou orientación sexual

- Rexeitar o discurso do odio e a intolerancia e erradicar estas condutas en calquera das súas formas ou circunstancias

 - Censurar os espazos autoproclamados “libres de LGTBIQ+”, eufemismo que agacha discriminación e repudio.

- Promover a igualdade, empoderamento e integración do colectivo LGTBIQ+, dando visibilidade á súa situación e necesidades e contribuíndo ao seu benestar

- Liderar o movemento para a construción dunha sociedade inclusiva, segura e con solucións para todos e todas

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon Texto do manifesto (pdf)423.28 KB