Malestar entre os concellos polo protocolo da Xunta para os centros de ensino

Data: 

mércores, 29 Xullo, 2020 (Todo o día)

 

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela, trasladou á conselleira de Educación en funcións, Carmen Pomar, a imposibilidade por parte dos concellos de asumir todas obrigas esixidas pola Xunta de Galicia no mantemento dos centros educativos. O “Protocolo de adaptación ao contexto da COVID19 nos centros de ensino non universitario” elaborado polo Goberno autonómico, aumenta de xeito importante para os concellos as cargas de limpeza e desinfeccións.

Se ben o desexable sería que a Xunta -autoridade competente tanto en materia educativa coma sanitaria- asumise as súas competencias, a solución inmediata ao problema sería que o Goberno autonómico transfira os fondos para que os concellos poidan levar a cabo as labores extraordinarias que están a asumir co mantemento dos centros de ensino.

Así o comunicou Alberto Varela no marco dunha reunión convocada pola Fegamp con carácter urxente dada a proximidade do inicio do curso e a necesidade de adoptar decisións e organizar medidas.  O municipalismo lamenta a resposta da Consellería de Educación. Ao termo do encontro, Alberto Varela sinalou que a reunión foi  “boa nas formas pero moi mala no fondo”, xa que a Consellería lle trasladou que “por parte da Comunidade autónoma non se van destinar fondos para compensar aos concellos nestas obrigas”, e que a única posibilidade é que ”deses fondos que o Estado vai transferir ás comunidades autónomas se indique que unha parte ten que destinarse ao sostemento destas labores dos concellos.” 

Varela lembrou que os concellos están asfixiados por todas as funcións e custos económicos que están a asumir pola pandemia, e que todos os alcaldes e alcaldesas de todos os signos políticos manifestaron o seu rexeitamento e inquedanza por estas medidas extraordinarias. A Fegamp tentará resolver este problema na vindeira Comisión Executiva.