Máis de 160 participantes debaterán sobre a contratación pública da xestión dos residuos municipais na xornada promovida pola FEGAMP

Data: 

luns, 23 Setembro, 2024 (Todo o día)

Comezou esta mañá a xornada “Contratación pública estratéxica de xestión de residuos municipais: recomendacións e boas prácticas”, enmarcada no Fogalec.

A xornada foi inaugurada polo presidente da FEGAMP, Alberto Varela. Na mesa inaugural tamén participaron a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2024.- A Federación Galega de Municipios de Provincias (FEGAMP) está celebrando a xornada “Contratación pública estratéxica de xestión de residuos municipais: recomendacións e boas prácticas” no salón de actos do CERSIA, en Santiago de Compostela. Ás sesións de traballo da xornada asistirán más de 160 participantes, entre hoxe, luns 23 , e mañá, 24 de setembro en sesión de mañá, e se enmarcan nos traballos do Foro Galego Local de Economía Circular (Fogalec).

Abriu a xornada o presidente da FEGAMP, Alberto Varela, cunha intervención na que salientou que o asunto da xestión pública de residuos “está de plena actualidade, pero todo apunta a que o debate está condicionado máis pola conxuntura política que pola necesaria coordinación entre administracións na xestión eficiente dos residuos” en relación aos anuncios das subidas do canon que Sogama cobra aos concellos pola xestión dos residuos.

O presidente da FEGAMP fixo fincapé sobre o compromiso dos concellos galegos “co futuro de Galicia e coa atención á cidadanía galega desde a xestión dos servizos públicos máis próximos para a nosa veciñanza” optimizando ao máximo a xestións dos recursos públicos e mesmo atendendo servizos sen recibir o financiamento necesario das administracións outras administracións competentes, Xunta e Estado. Varela destacou que os concellos galegos “Compartimos o obxectivo de traballar en común para facer que Galicia avance na senda do crecemento económico sustentable e de mellora das condicións de vida e de traballo, sendo imprescindible para iso que os servizos públicos tamén sexan reforzados”.

Alberto Varela sinalou que, como servizo público, “a xestión dos lixos hai tempo que deixou de ser un asunto local para ser un asunto central das políticas dos países, ata o punto que as políticas de xestión de residuos teñen que aliñarse coas políticas europeas vixentes e estas, á súa vez, coa Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable, aprobada en 2015 pola ONU”, sendo imprescindible a “coordinación de políticas de xestión de residuos que precisa dun forte compromiso de investimento público para implantar todos as iniciativas e todos os dispositivos necesarios para que a reciclaxe dos residuos sexa o resultado desa xestión, como modelo menos contaminante e máis sustentable”.

Por iso, o presidente da FEGAMP concluíu resaltando a importancia desta xornada e dos traballos do FOGALEC polo análise que vai realizar da “realidade da contratación pública da xestión de residuos municipais, e en concreto os contratos de recollida, transporte e tratamento de residuos, un aspecto esencial da xestión municipal que pode condicionar profundamente a calidade do servizo debido á súa complexidade”.

Durante as sesións presentaranse boas prácticas e recomendacións que contribúan á preparación axeitada destes contratos por parte das entidades locais, contando coa intervencións de persoas expertas como Juan José Pernas, profesor titular de Dereito Administrativo na Universidade de A Coruña e coordinador das xornadas.

Tamén intervirán Josep María Tost, ex-director da Agencia de Residuos de Cataluña; Alexandra Lirón, xefa de Área da Subdirección de Estudios e Informes do Departamento de Promoción da Competencia da CNMC; Simón Rego, conselleiro do Consello de Contas de Galicia; Tomás Otero , presidente do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia; Carlos Amoedo, catedrático da Escola Universitaria na Universidade da Coruña; Elena Barba, da Xunta Consultiva de Contratación Pública da Xunta de Galicia, entre outras destacadas intervencións.

A xornada se enmarca dentro das iniciativas do Foro Galego Local de Economía Circular (FOGALEC), que vense desenvolvendo dende 2022 pola FEGAMP en colaboración co Foro de Intercambio de Coñecemento sobre Residuos e Economía Circular (Firec) da Universidade da Coruña.

Inauguración xornada “Contratación pública estratéxica de xestión de residuos municipais: recomendacións e boas prácticas”