Loito na Fegamp polo falecemento de José Manuel Piñeiro Amigo

Data: 

martes, 1 Xuño, 2021 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias lamenta a perda de José Manuel Piñeiro Amigo, peza clave na vertebración do asociacionismo das entidades locais.

Piñeiro é un dos artífices de documentos tan relevantes coma os Estatutos da Fegamp dos nosos días -a que unificou a defensa dos intereses das entidades locais baixo unha mesma voz trala fusión da Fegamp inicial coas Federación de Concellos e Federación de  concellos Rurais-, ou o Pacto Local, documento destacado pola Comisión Europea coma exemplar.

“Traballador infatigable e gran mestre” segundo os que con el traballaron, José Manuel Piñeiro foi Secretario Xeral da Federación durante catorce anos e catro presidencias, período no que ademais de dar pulo á administración local, sentou o aparello técnico, o financiamento e as bases de traballo da organización que representa ao municipalismo e que o paso do tempo, veu a consolidar.

A Federación Galega de Municipios e Provincias destaca e agradece a importante labor deste servidor do público e envía á súa familia todo o noso agarimo.